Conta atrás para o Día Mundial do Alzheimer

Conta atrás para o Día Mundial do Alzheimer

16 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Asociación AFAL Ferrolterra levou a cabo unha cuestación nesta xornada no Arquitecto Marcide e no antigo Hospital Naval. E é que se achega a xornada mundial do Alzheimer. Será o vindeiro luns 21 de setembro e AFAL está a organizar diferentes eventos para conmemorar este día.

Na xornada do día 21, o día mundial do alzheimer, a Fundación Caixa Galicia acollerá unha conferencia na sede da Fundación Caixa Galicia. Nela Intervirán o Presidente da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía, Andrés Vázques, así como a sociólga Luz Campello ea Presidenta de AFAL Ferrolterra, Milagros Prieto. Desde ese mesmo día e ata o 25 a mesma Fundación exporá os traballos realizados polos usuarios do centro de Día Terapéutico.

Dentro dos actos deste día mundial do alzheimer tamén se atopa a conferencia do neurólogo Robles da clínica A Rosaleda, na Fundación Caixa Galicia o día 24 e as cuestacións continuarán o 23 de setembro nas rúas de Ferrol.
 
Pechará a programación ao redor do día do alzheimer unha cea benéfica no Club de Campo o día 25 deste mes ó que pode acudir todo aquel que o desexe.

AFAL está a realizar unha gran labor cos enfermos de alzheimer na nosa comarca. Estímase que en total, haxa uns 4.000 enfermos nos nosos concellos, dos que 400 son socios de AFAL. A asociación conta cun centro de día ao que acuden un total de 40 enfermos a realizar diferentes actividades. AFAL tamén presta axuda ós familiares dos enfermos por medio de cursos de relaxación e asesoramento xurídico entre outras cousas.

Dende AFAL lembran que a asociación está pasando un momento de tranquilidade, no que as instalacións están en bo estado, pero reclaman a necesidade dun transporte adaptado que ata o de agora non teñen.

Sociedade