Contra novos recheos na ría de Vigo

Contra novos recheos na ría de Vigo

13 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A manifestación contra os recheos na ría de Vigo sairá ás 19:00 horas deste sábado dende a Praza dos Cabalos para rematar na Autoridade Portuaria. O colectivo iniciou xa os trámites para recorrer pola vía contencioso administrativa os proxectos de ampliación do porto de Vigo.

A protesta, convocada pola rede A Ría Non se vende, conta co apoio da Confraría de Pescadores de Redondela e a Plataforma en defensa dea enseada de San Simón. Será o sábado ás sete da tarde cando os manifestantes percorran o centro da cidade en protesta polos proxectos de portos deportivos e recheos en diferentes puntos da ría. Algúns deses proxectos afectan directamente ao noso litoral como son aterramentos en Punta Chapelisa ou en Rande que suporán recheos de 21.194 m2 e 32.881m2 respectivamente.

Uns proxectos que veñen a sumarse a outros realizados anteriormente como o que se realizou o ano pasado en Pescanova e que supuxo gañarlle ao mar 25.000 m2 segundo o voceiro da plataforma Xosé Reigosa quen afirma que todas estas actuacións están a provocar a destrución dun dos ecosistemas mías ricos do mundo cun importante aproveitamento económico.

Responsabilizan de todos estes proxectos á autoridade portuaria de Vigo, principal promotora das ampliación portuarias e dos portos deportivos, "única empresa inmobiliaria que pode crear terreos en primeira liña de mar".

Ademais de na rúa, con mobilizacións como a do vindeiro sábado,a plataforma actúa tamén nos xulgados e ven de iniciar os trámites para recorrer pola vía contencioso-administrativa as resolucións da Autoridade Portuaria de Vigo polas que autoriza as ampliacións dos peiraos de Bouzas, Areal e Trasatlánticos. Os argumentos xurídicos son os mesmos que se recollen na recente sentencia do Tribunal Supremo que declara ilegal un aterrado en Marín por terse realizado sen contar con Plan de Usos, unha sentencia que segundo Reigosa senta xurisprudencia e pode aplicarse tamén no caso do proxecto do departamento que dirixe Corina Porro.

A manifestación comezará ás 19:00 horas na praza dos cabalos e rematará na autoridade portuaria de Vigo. Posteriormente, ás 23:00 horas haberá un concerto solidario na Sala Farándula na rúa Churruca.

Sociedade