Contra a Universidade privada

Contra a Universidade privada
10 de Febreiro, 2020 - 02:13 h. | Publicada por Radio Fene

O mundo universitario galego mobilízase mañá contra a privatización da Universidade. Haberá concentracións nos sete campus.

A Plataforma galega en defensa da universidade pública, composta inicialmente polas tres organizacións sindicais con representación nas tres universidades galegas (CIG, CCOO e UGT), así como polas organizacións estudantís Erguer, ANEGA, Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes levará a cabo mañá a primeira mobilización contra a privatización da universidade da man da entidade financeira Abanca. Ás 11 horas terán lugar concentracións diante de edificios significativos dos sete campus, tamén no de Esteiro en Ferrol.

Nas concentracións de mañá pedirase a paralización do proxecto lexislativo que vai permitir a creación da Universidade Intercontinental da Empresa sen apenas coñecerse cales van ser as intencións dos seus promotores en canto a oferta formativa. Segundo a normativa existente debería ofertar cando menos 8 títulos entre graos e posgraos e parece que queren concentrar esta oferta nos eidos xurídico-social e enxeñaría-arquitectura. “Mentres se lle nega a autorización de novas titulacións ás universidades galegas e se ten conxelada a taxa de reposición dos seus efectivos, semella que se lle vai dar carta branca tanto para a contratación do profesorado como para a oferta académica, sen garantías de que se van cumprir os requisitos de calidade e excelencia que si se aplican nas institucións privadas, afirman os convocantes.

Cultura

Publica o teu comentario agora