In the corner

In teh corner
02 de Febreiro, 2021 - 11:49 h. | Publicada por Radio Fene

Carlos Castro estrea programa en Radio Fene o próximo venres 5 de febreiro. "In the corner" abordará todo o que rodea o fútbol feminino.

ESCOITA O PODCAST:

Carlos Castro dirixirá e presentará o novo programa que Radio Fene e radiofusion queren adicar ao fútbol feminino porque está nun momento extraordinario, despuntando e porque as mulleres tamén teñen dereito tanto a xogar ao fútbol como a que se fale diso. Nesta entrevista explícanos como se desenvolverá o programa que se emitirá semanalmente todos os venres e que xa ten nome “In the corner” que responde a moitas razóns, entre elas a orixe do fútbol feminino en Inglaterra, pero tamén polo propio significado da expresión. E ademais Fene está “in the corner” da península.

Carlos Castro pensou en varias seccións que serán intermitentes e que nos presentará no primeiro programa este venres dia 5 de febreiro. A saber, o tratamento xenérico das tres primeiras categorías de fútbol feminino co especialista Diego Rodríguez, desde Vigo. Falarase da situación actual do fútbol autonómico galego a raíz do momento afectado pola Covid19. Nesta sección contará coa participación do ferrolán Manuel Díaz, responsable da publicación muchacalidad.com “In the corner” tamén se ocupará da historia deste deporte. No primeiro programa falarase de Irene González que dispón xa dunha biografía de Juanchi Cudeiro.

Oscar Losada será o colaborador encargado do aspecto cultural que rodea a este deporte, nos eidos literario, audiovisual, musical,etc. Outra sección denomínase “fútbol sen xénero” ao que está convidada por exemplo, Laura Cetina, unha das xogadoras máis importantes do momento, militante do Vitoria do subgrupo 1 na primeira nacional. A filosofía de “In the corner” é falar do fútbol feminino galego en xeral e a súa relación co español e co internacional porque xa empezamos a enviar xogadoras fora. “Vivimos un bo momento no fútbol feminino”, afirma Carlos Castro, e iso debe reflectirse nos medios e en particular na radio. Paixón e coñecemento non faltan, así que escoitemos “In the corner” cada venres en directo en Radio Fene no 107.7 da FM ou na páxina web radiofusion.eu

Deportes

Publica o teu comentario agora