A corporación municipal de Allariz sacará de novo a concurso a explotación do Centro Cívico A Fábrica

A corporación municipal de Allariz sacará de novo a concurso a explotación do Centro Cívico A Fábrica

11 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

O pleno da corporación municipal que se celebrará o vindeiro venres 13 de marzo sacará a concurso a explotación do Centro Cívico A Fábrica. O obxecto deste concurso, cuxa forma de adxudicación do contrato de xestión será o procedemento aberto, é a concesión do servizo de cafetería do Centro Cívico A Fábrica do Concello

Para a valoración das proposicións e a determinación da oferta economicamente máis vantaxosa deberá de atenderse a varios criterios directamente vinculados ao obxecto do contrato como a devandita oferta e mellora económica, os servizos a prestar, os investimentos que se realizarán en obras de mellora, mobiliario e instalacións e a xeración de emprego.

O concello porá a disposición dos interesados e interesadas o prego de condicións do concurso a través da secretaría e do perfil do contratante na web www.allariz.com no que se poderán consultar as cláusulas que rexerán as bases de contratación desta concesión municipal cunha duración de 20 anos e un canon de 100.000 euros.

Os interesados e interesadas deberán presentar as ofertas no Concello de Allariz, dentro do prazo de 15 días contados a partires do día seguinte ao da publicación do anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, no Perfil de Contratante e no Diario Oficial de Galicia.

Sociedade