A correr contra o cancro de mama

O 6 de setembro remata o prazo de inscrición para participar coa Asociación Por + Vida de Fene na Carreira Solidaria da Muller
05 de Setembro, 2019 - 02:17 h. | Publicada por Radio Fene

A Concellería de Igualdade de Fene colabora por 6º ano consecutivo coa Asociación Oncohematolóxica Por+Vida na organización, difusión e traslado de participantes á 7ª Edición da Carreira Solidaria da Muller en A Coruña. Dous autobuses aportará o concello de Fene para a viaxe.

A 7ª Edición da Carreira Solidaria da Muller terá lugar en A Coruña o vindeiro 22 de setembro de 2019, un evento de carácter deportivo e lúdico que se celebra para apoiar a loita contra o cancro de mama. Por sexto ano consecutivo, o Concello de Fene colabora coa Asociación Oncohematolóxica Por+Vida patrocinando dous autocares, asumindo o custe da publicidade, aportando persoal municipal e vehículo de transporte para a recollida do material das participantes na carreira e colaborando na recollida de inscricións e organización previa ao evento.

Nesta actividade poden participar mulleres a partir de 12 anos de idade. Os buses serán gratuítos para as participantes, até completar prazas, segundo rigoroso orde de inscrición. Terán preferencia as mulleres empadroadas en Fene e as socias de Por+Vida, aínda que se quedan prazas libres poderán ser cubertas pon veciñas doutros municipios. O prazo para anotarse coa asociación remata o 6 de setembro de 2019. O prezo da inscrición (para recollida do material da carreira) é de 15,00 euros, que se abonarán á Asociación Por + Vida. Para máis información: pormaisvida2011@gmail.com ou no teléfono 650 812 030.

As persoas interesadas en asistir poden entregar a ficha de inscrición cuberta persoalmente ou por email á entidade ou no Servizo Municipal de Atención á Muller do Centro de Servizos Sociais de Fene, Av. do Mar Bloque 1-Baixo, San Valentín. A entrega da equipación para a carreira será o sábado 21 de setembro de 11:00h a 13:00 horas no Salón de Plenos do Concello de Fene. A saída dos autocares será o domingo 22 ás 8.30 horas dende a casa do Concello de Fene. A volta dende A Coruña está prevista ás 14:00 horas.



 

Sociedade

Publica o teu comentario agora