Correr sen medo

Unha quedada para correr xuntas organiza o Observatorio da Mariña pola Igualdade
21 de Decembro, 2018 - 01:27 h. | Publicada por Radio Fene

O Observatorio da Mariña pola Igualdade, o Club de atletismo de Ribadeo, o Centro de Información ás Mulleres e o Concello de Ribadeo promoven unha quedada en resposta ao feminicidio de Laura Luelmo. A quedada para correr/camiñar polas rúas de Ribadeo será este domingo, 23 de decembro, ás 11:00 horas, con saída desde a Avenida de Asturias.

En resposta ao feminicidio de Laura Luelmo e baixo o lema “de camiño á casa quero ser libre, non valente” varias entidades convocan unha quedada para correr e/ou camiñar polas rúas da vila ribadense. Desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade, o Club de Atletismo Ribadeo, o Concello de Ribadeo e o CIM animan a toda a cidadanía a sumarse a esta proposta reivindicativa que seguirá o seguinte percorrido: Avda de Asturias, Avda de Galicia ata a rotonda do barco, pasando pola rúa Vilalba ata a rúa de San Roque. A convocatoria pretende lanzar a mensaxe de que as mulleres queremos saír facer deporte, mercar ao supermercado, saír pola noite, ocupar as rúas e espazos públicos... e vivir, en defnitiva, con total normalidade, sen medo a sermos violadas ou asasinadas.

Porque as mulleres non queremos ser valentes, queremos ser libres en igualdade de condicións, esiximos a implicación de todas as forzas políticas e das administraciones públicas para garantir a nosa seguridade e formular políticas que promovan a igualdade real entre homes e mulleres co fín de incentivar un cambio social definitivo baseado nunha sociedade igualitaria e libre para todas. Así se expresa o Observatorio da Mariña pola Igualdade diante desta iniciativa do domingo.

Sociedade

Publica o teu comentario agora