A crítica literaria era a súa mellor faceta

A crítica literaria era a súa mellor faceta
21 de Maio, 2020 - 11:35 h. | Publicada por Radio Fene

Martinho Montero Santalha, autor de "Carvalho Calero e a súa obra" fala de "A xente da Barreira" como a novela que en 1951 demostra que o noso idioma vale tamén para a prosa.

 

ESCOITA O PODCAST:

“Ricardo Carvalho Calero xa dixo no seu momento que era un suicidio para o galego sobrevivir nesas circunstancias. Foi profético. Os 40 anos transcorridos déronlle a razón” afirma o lingüista e teólogo Martinho Montero Santalha, biógrafo do profesor ferrolán. Por iso pode dicirnos que Carvalho Calero sempre falou con orgullo do Partido Galeguista e que lembraba con agarimo aquel tempo, pero a guerra foi tan traumática que escapaba de revivir a experiencia. Na correspondencia que mantén o profesor ferrolán con Valentín Paz Andrade compróbase que Ricardo foi moi activo na organización do PG na zona.

Son cousas que saíron na conversa mantida co gran coñecedor da obra de Carvalho Calero, Martinho Montero, quen acudiu xeneroso ao Club de lectura no que comentou, xunto a Andrés C.M. Riveira, Esther Val e Henrique Sanfiz, a novela de Carvalho Calero publicada en 1951 “A xente da Barreira” galardoada nese ano no concurso de novela creado polo grupo de Santiago “ Bibliófilos gallegos”. A única novela presentada en galego foi a de Carvalho Calero e foi a gañadora. Un grande éxito para el e para a cultura galega, tan necesitada dun empuxe na prosa. “Foi como demostrar que o galego valía para todo, non só para a poesía” destaca Martinho Montero. A xente da Barreira é unha novela de época, unha novela histórica con moita licenza literaria. “É froito da admiración de Carvalho polo mundo rural que para el, un home urbano, era descoñecido” apunta Montero. O argumento da novela, que empezou sendo unha serie de relatos denominados “Historias da Barreira”, fala da decadencia da aristocracia vilega e rural, unha liña seguida tamén por Otero Pedrayo, Valle Inclán ou Emilia Pardo Bazán, cada un á súa maneira. A historia que conta baséase na familia da súa muller, comenta o noso convidado.

Martinho fala dos anos difíciles de Don Ricardo, cando é condenado a 12 anos de cárcere e se lle retiran todos os dereitos profesionais. A pregunta que sempre se fai é en que xénero dos cultivados polo profesor ferrolán destacou máis. Martinho non dubida en responder que foi a crítica literaria. Afirma que tiña un gran dominio da literatura galega, froito de ler todo. Reproduce as palabras do propio Carvalho cando lle dicía “Non podo facer a historia da literatura galega sen lelo todo”.

(Na imaxe, Martinho Montero Santalha. Autor de "Carvalho Calero e a sua obra" Edicións Laiovento 1993 e de "Directrices para a reintegración lingüística galego-portuguesa", entre outras)

Cultura

Publica o teu comentario agora