A creación de novos colexios despista aos escasos naroneses que se animaron a votar esta mañá

A creación de novos colexios despista aos escasos naroneses que se animaron a votar esta mañá

07 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os candidatos dos distintos partidos esforzáronse en salientar a importancia da cita coas urnas que vivimos hoxe. O socialista Antolín Sánchez Presedo asegurou en Radiofusión que estas son as eleccións “máis importantes da historia” e tamén os representantes de PP e BNG defenderon nos mesmos micrófonos que Galicia se xoga moito en Europa. Non obstante, desde o colexio electoral de Piñeiros, en Narón, pódese afirmar que

A tranquilidade reinou nas primeiras horas deste colexio naronés, onde están dispostas catro mesas para que 2.500 veciños depositen as súas papeletas. Unha tranquilidade maior que a existente neste mesmo escenario en pasados comicios, como os autonómicos ou os municipais. Nesta xornada os interventores dos distintos partidos amósanse máis relaxados, os integrantes das mesas enfróntanse a menos carga de traballo e a afluencia de votantes resulta sensiblemente menor. Ata as once e media da mañá só o 6% do censo deixou a súa papeleta en Piñeiros; unha cifra que, polo que relataron a Radiofusión, resulta facilmente extrapolable aos outros escenarios electorais do municipio. En todos eles o día está a transcorrer con normalidade, agás no caso das novas mesas instaladas no recentemente inaugurado Pazo da Cultura. Son moitos os veciños que non saben deste cambio e están indo votar aos seus antigos colexios da Gándara ou do Alto do Castiñeiro.

Ao falar de diferencias cos pasados comicios non só hai que referirse ao ambiente máis relaxado ou a creación de novos colexios, senón á propia concepción e enfoque da xornada electoral. Narón está afeito a mirar as citas coas urnas cos lentes de preto, pero hoxe vese obrigado a dirixir a súa mirada máis lonxe. No concello goberna desde hai catro lexislaturas un partido local e a formación de eido autonómico nacida desa base -Terra Galega, liderada polo ex-alcalde naronés, Xoán Gato- erixiuse tamén coma a forza máis votada no municipio nos pasados comicios galegos. Así pois, as últimas referencias aquí non son válidas e existe a incógnita de como se comportarán os naroneses nunhas eleccións que non se poden interpretar en clave local.

Por último, cómpre tamén apuntar que nesta localidade se xogan un número representativo de votos. O Instituto Nacional de Estatística (INE) informou esta semana de que Narón, con 37.707 habitantes, é o oitavo concello máis poboado de Galicia, xusto despois das sete grandes cidades. En concreto, neste 7 de xuño están chamadas a votar neste municipio 31.979 persoas.

Sociedade