"Cremos que atopamos a fosa da ditadura"

"Cremos que atopamos a fosa da ditadura"
07 de Marzo, 2024 - 08:17 h. | Publicada por Radio Fene

Atopan restos óseos na parte final do cemiterio do Val en Narón, a zona cercana ao muro que delimita o camposanto. Entre os osos atopados encontrase un parietal con cortes dunha serra de autopsia. “Os traballos están sendo moi satisfactorios porque cremos que atopamos a fosa” manifesta o forense Fernando Serrulla. Buscan os restos dos 51 represaliados tras o golpe de estado de xullo de 1936. Poderían localizarse baixo os nichos construidos na décadas dos sesenta ao fondo do cemiterio. A alcaldesa de Narón Marián Ferreiro e a subdelegada do goberno na Coruña María Rivas visitaron onte a zona.

A subdelegada quixo comprobar o avance dos traballos de prospección e localización de ata 51 vítimas da ditadura. Alí destacou o esforzo deste Goberno por “restituír a merecida memoria das persoas represaliadas e por permitir ás familias dar sepultura aos seus seres queridos como se merecen”.  Os traballos comezaron o pasado luns da man dun equipo multidisciplinar integrado por membros da Universidade de Santiago e do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) coa colaboración da Asociación Memoria Histórica Democrática. Nun principio centráranse na zona dos nichos habilitados no cemiterio no ano 1964, onde foron achados restos óseos que non se corresponden coas vítimas, mais as últimas pescudas están a redirixir a busca á zona máis próxima da tapia do camposanto, onde se acharon restos con signos de violencia e munición dun fusil ‘Mauser’ da Guerra Civil. Os investigadores cren que alí poderían estar soterrados os restos dos integrantes das tripulacións de tres embarcacións asasinados entre 1936 e 1939. Trátase do acoirazado ‘España’, do que se prevé atopar os restos de ata 32 homes; do buque de transporte de guerra ‘Contramaestre Casado’ e a embarcación de vapor ‘Dómine’, do que se agardan achar os restos doutros 10 tripulantes. A subdelegada destacou que este tipo de labores constitúen “un acto de reparación da xustiza e dignidade de todas as vítimas do franquismo, así como das súas familias”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora