A crise e a credibilidade

A crise e a credibilidade

01 de Xaneiro, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

"A crise económica emanaba da falla de credibilidade do goberno de Zapatero" indicou de xeito reiterado o Partido Popular na campaña electoral. Segundo o economista Xoán López Facal, predicar que a raiz da crise é algo psicolóxico é unha afirmación máis que temeraria. Pola contra a convulsión alcanza rango mundial, con epicentro en Europa.

Facal salienta nun artigo na revista "Tempos Novos": "Rajoy enfróntase por fin, sen evasivas, ao penoso desafío de tentar endereitar a situación económica". O economista apunta que das promesas de rigor económico e a eficacia na xestión en Galicia pouco queda. "No lapso transcorrido entre marzo do 2009 e xuño do 2011, a débeda pública de Galiza creceu en 3.000 millóns segundo datos do Banco de España".

No conxunto de Europa o panorama non pinta moito mellor. O produto interior bruto de Brasil ven de superar ao do Reino Unido. Rusia, India e China soben e baixan Alemania, Francia e Italia. O politólogo e profesor universitario belga Éric Toussaint pensa que a crise económica se vai prolongar 10 ou 15 anos. Afirma que o problema fundamental non é a débeda pública, senón a crise privada dos grandes bancos. Segundo a súa opinión, os derivados tóxicos do subprime (crédito de alto risco) foron adquiridos entre o 2004 e o 2008 e continuan nas contas dos bancos, porque son contratos a 5, 10 ou 15 anos.

Toussaint, presidente do Comité para a Anulación da Débeda do Terceiro Mundo, coordenou o libro coral "La deuda o la vida" (Editorial Icaria).Para Toussaint "os acordos ditados pola troika (CE, FMI e BCE) a Grecia, Portugal e Irlanda son exactamente as medidas que se implementaron en América Latina durante as épocas do mandato de Carlos Menem en Arxentina, medidas que desembocaron finalmente no desastre e na rebelión de 2001, o famoso corralito. Europa está a vivir máis ou menos a situación de América Latina da década dos 80 e os 90. A xente empeza agora a entender o desastre que representa todo isto. Custoulle anos a América Latina levantar o voo. Espero que Europa non atravese 10 ou 15 anos de neoliberalismo. Espero que grazas á conciencia social, á mobilización da cidadanía, vaise a dar un envorco para cuestionar a lexitimidade da débeda pública, que aumenta porque se transfire débeda privada aos gobernos. En España, a débeda pública representa soamente o 17% da débeda total. Está claro que a tendencia é transferir débeda privada ao goberno español, como ocorreu en casos emblemáticos como o de Irlanda, onde un país modelo, de déficit cero, de paro nulo, viu como coa quebra dos bancos e a exposición da burbulla inmobiliaria se atopa agora cun endebedamento público masivo porque o tesouro público tivo que asumir o custo do rescate bancario. Isto está aínda en camiño nun país como España".

Sociedade