A crise puxo de relevo as miserias do benestar

A crise puxo de relevo as miserias do benestar
05 de Maio, 2020 - 12:18 h. | Publicada por Radio Fene

Defende a socióloga da UDC, Antía Pérez Caramés, que ninguén agarde un babyboom deste confinamento. Analisamos con ela algunhas posibles consecuencias da crise do Covid19.

ESCOITA O PODCAST:

As consecuencias da crise do Covid19

É pronto para tirar consecuencias sociolóxicas desta crise do Covid19 pero pódense intuir algunas tendencias. Quen dí isto é a profesora de Socioloxía na Universidade da Coruña, Antía Pérez Caramés de quen botamos man para ter unha idea do que nos agarda tras o confinamento. O primeiro aspecto sobre o que chama a nosa atención é  en descubrir como os colectivos máis desprotexidos e vulnerables, todos eses traballos esenciais que teñen que ver cos coidados, están sendo fundamentais nesta pandemia. A crise fixo emerxer ese aspecto que ten como protagonistas non só aos sanitarios, tamén ás coidadoras, empregadas da alimentación, etc. “A crise puxo de relevo as miserias do benestar. O segundo aspecto a ter en conta é a desigualdade e o incremento da pobreza derivadas da destrución de emprego. Cabe a posibilidade, afirma Antía Pérez, que a resposta sexa menos austeritaria e se leven a cabo menos recortes que na crise de 2008”, como tamén anticipa que probablemente nesta ocasión se atenúen os movementos migratorios, dado o carácter global da pandemia.

Outra aprendizaxe da crise do Covid19 é comprobar que os países que souperon enfrontar mellor a pandemia son aqueles que teñen unha rede sanitaria forte e os que máis invisten en I+D. “Cando isto remate, poderemos facer a comparación” declara a socióloga da UDC, quen engade que está por ver que os aplausos á sanidade pública se convirtan en conciencia política ou se quedan nun movemento naïf. “A xente aínda non está nas rúas. Está nas xanelas” significa a profesora e investigadora.

O avellentamento demográfico

Pérez Caramés defende outra maneira de abordar o trato aos nosos maiores. “Sacar ás persoas de onde viven e metelas nun réxime  como o das grandes residencias actuais non funciona”. Alude ás as imaxes dantescas que vimos na televisión e conclue "a mellor maneira de avellentar é no seu entorno e seguramente incrementar os servizos domiciliarios nunhas condicións laborais dignas sería un dos camiños". En todo caso convídanos a interrogarnos sobre o modelo actual e reconsiderar o papel das persoas maiores na sociedade. Aos catastrofistas dílles que van ter difícil defender o discurso que demoniza o avellentamento demográfico e advírtelles que o confinamento non vai vir acompañado dun babyboom dentro de nove meses.

Consecuencias políticas

Non é de agardar que esta crise traía aparellado un cambio radical do consumo pero sí se podería agardar un cambio de hábitos. Pérez sinala dous interesantes, a maior afluencia ao pequeño comercio de proximidade e a maior conciencia medioambiental. Como profesora que é, a Antía Pérez tocoulle coordinar a ensinanza virtual desde o seu departamento de Socioloxía. Cóntanos que o profesorado tivo que poñerse as pilas e, aínda que a trompadas, foi moi positivo dar valor á docencia virtual que no futuro podería ser complementaria, nunca sustitutiva, da presencial. Outro cantar, afirma, foi a experiencia noutros niveis educativos onde todo o peso recaeu nas casas e particularmente nas mulleres. En termos políticos é complicado tirar conclusións, afirma Antía Pérez, porque cando agardas un discurso que poña as cousas no seu sitio, aparece un lote de militares falando da “guerra contra o coronavirus que imos gañar” e nos desmontan. Engade que en tempos de inseguridade a xente defende unha liña de maior centralización e de maior autoritarismo. “É unha amenaza que está aí, máis en tempos de auxe da extrema dereita”, conclúe.

(Na imaxe recente, Antía Pérez Caramés)

Sociedade

Publica o teu comentario agora