Cristina Moreira: “gustame moito a ironía galega e rir ata de min mesma”

Cristina Moreira: “gustame moito a ironía galega e rir ata de min mesma”

23 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A xoven ferrolá Cristina Moreira é a gañadora do primeiro concurso de monólogos organizado pola Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol. O certame tivo como escenario diferentes establecementos da cidade aínda que a gala final se celebrou na noite do pasado mércores no Centro Cultural Torrente Ballester. Como segundo e terceiro clasificados, quedaron Luis Ramos e Víctor Grande.

Moi satisfeita amosouse esta mañá en Radiofusión Cristina Moreira por ter acadado este primeiro premio no “Monolobar”. Estudante de teatro na Escola Municipal de Narón, a xoven asegura que se apuntou ao concurso “case por casualidade”, ou por pura coincidencia ao atopar as bases “xusto o mesmo día no que acababa de comentar cunha amiga que eu hai anos facía monólogos”.

Cristina Moreira ten unha gracia natural. Defínese como un pouco teatreira e asegura ser unha persoa á que lle gusta rir ata de si mesma. Ademais, o seu humor “é moi ferrolán, por iso a xente se sinte identificada co que lles conto”. Tras o seu paso polo concurso “Monolobar”, afirma que lle gustaría repetir a experiencia e seguir facendo monólogos.

Quen non se plantexa continuar traballando neste xénero é o actor Luis Ramos, segundo premio no concurso Monolobar, malia que a experiencia lle pareceu “moi interesante”. Ramos centrou o texto que presentou ao concurso no mundo da hostelería e na experiencia particular dun camareiro “moi vencellado ao seu padriño”.

Para Victor Grande, terceiro clasificado, foi moi gratificante “o moito seguemento que houbo do concurso”.Monologuista experimentado –leva máis de oito anos facendo monólogos en bares e cafetería de toda Galicia-, o xoven coruñés asegura inspirarse en cousas da vida cotiá, tratándoas “dende un punto de vista esaxerado para sacarlles punta”.

Sociedade