Cross ambiental e canicros en Ordes

Cross ambiental e canicros en Ordes

20 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Arredor de 500 atletas espéranse na II Carreira de cross ambiental que mañá se celebra en Ordes. De xeito simultáneo dispútase o Campeonato Galego de canicross, unha curiosa modalidade de atletismo na que o deportista debe correr xunto co seu can.

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, presentaba xunto ao concelleiro de Cultura e Deporte, José Ramón Vázquez Raña o II Cross Ambiental Concello de Ordes “Memorial Estebo José” e II Canicros que terán lugar no municipio mañá domingo pola mañá.

No acto de presentación estiveron tamén presentes a presidenta do Club Atletismo Ordes, Ángeles Rodríguez e o actual Campeón Galego de Canicross Roberto Salvado.

O alcalde, Manuel Regos, quixo facer especial fincapé na homenaxe que este ano fai o Concello  a “Estebo José”, un home que explicou “era moi querido por todos os veciños e veciñas de Ordes e que foi un claro exemplo de superación no deporte”. Ademais o primeiro edil fixo entrega dunha placa conmemorativa á presidenta do Club de Atletismo Ordes, filla do homenaxeado, como recordo desta data.

Pola súa banda Ángeles Rodríguez, quixo agradecer este xesto do Concello de Ordes ao facer unha homenaxe ao seu pai, ademais da súa aposta por esta competición que vai xa pola súa segunda edición. Explicou ademais que serán mais de medio millar de corredores os que se dean cita en Ordes o próximo domingo, ademais dos que participen na modalidade de canicross.

En canto ás carreiras, no Cross Ambiental estableceranse varias categorías, unha de pitufos de 0 a 4 anos que percorrerán 100 metros, outra de benxamíns de 5 a 9 anos que percorrerán 500 metros, outra de cadetes de 10 a 16 anos que percorrerán 2660 metros e a categoria absoluta de 17 anos en diante que percorrerán 9200 metros. Ademais haberá unha carreira non competitiva para todas as idades de 500 metros. Haberá premios en metálico e trofeos para os mellores de cada categoría, dándose a saída de cada unha das probas no Campo da Feira. As carreiras darán comenzo a partir das 11:30 horas.

Pero os primeiros en tomar xogo na competición serán os corredores e os cans que participen na modalidade de Canicross, unha proba que se corresponde coa primeira manga do Campeonato Galego e que dará comenzo ás 10:30 horas. Tamén haberá diferentes categorias, cadete, júnior, senior, veterano 40 e veterano 50 que terán a súa saída tamén no Campo da Feira. O percorrido dos participantes desta modalidade será de 8,5 kilómetros e tamén haberá premios  e trofeos para os mellores de cada categoría.

O acto de presentación da proba pechouno o edil de Cultura e Deporte, José Ramón Vázquez Raña, que quixo animar a todos os veciños e veciñas do município a que sexan partícipes deste evento, á vez que insistiu na importancia que o goberno local ordense lle dá ás actividades deportivas, destacando ademais a gran cantidade de eventos deste tipo que se levan a cabo durante o ano no municipio.

Sociedade