Cuarto cabodano de Francisco Allegue, homenaxe a un loitador

Cuarto cabodano de Francisco Allegue, homenaxe a un loitador

03 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O BNG de Fene organiza mañá unha sentida homenaxe á figura de Francisco Allegue cando se cumpre o cuarto cabodano do que fora durante moitos anos concelleiro de Fene. Un acto aberto a toda a cidadanía para honrar á figura dun loitador e dun home comprometido coas súas ideas. Unha lembranza a Pancho no que non faltará a nota emotiva coa lectura de poemas e coa música das Cantareiras Xirifeiras de Airiños de Fene.

Diante do monolito adicado á figura do nacionalista Francisco Allegue no Parque Castelao de Fene ( Parque da Galaxia Imaxinaria) celebraráse  a homenaxe. Tratáse dun acto político pero tamén conta coa súa nota emotiva. Intervirá o novo Voceiro Nacional do BNG, Guillerme Vázquez quen falará da figura de pancho e da pegada que deixou no noso concello. Segundo o Voceiro do Grupo Municipal do BNG de Fene, Manuel Polo, a participación de Vázquez no acto, dá constancia da relevancia do concelleiro finado e da importancia da formación nacionalista fenesa. 

Polo, destacou esta mañá en Radiofusión, as loitas históricas de Pancho. A loita pola reactivación de Astano e polo levantamento do veto para a construcción de barcos para o estaleiro. A loita polo emprego, preocupacións vitais nas que deixou a vida o nacionalista.

A lectura de poemas por parte do Obradoiro de Fene, a música das Cantareiras Xirifeiras de Airiños de Fene porán a pincelada emotiva. Música e poesía para honrar a un home cargado de futuro.

Manuel Polo lembrou o gran esforzo de Allegue para que os xóvenes feneses se formaran nos talleres ocupacionais. A loita dos anos 80 e 90 para que Astano mantivera carga de traballo. Un exemplo da labor das primeiras corporacións nacionalistas  e que mañá estarán presentes máis que nunca no recordo a Pancho. Unha mostra de compromiso que “ temos que seguir”, asegurou Polo.

A participación cidadán é fundamental no acto. Non en balde foron as asociacións veciñais as que colocaron a praca de bronce no monolito en lembranza ao concelleiro. Polo, convida a todos os veciños, sexan ou non nacionalistas, a acudir e ter uns minutos de recordo a unha figura relevante durante moitos anos no noso concello.

Tras a homenaxe, o BNG comarcal  reuniráse pola tarde en Fene, convertíndose o concello durante a xornada no centro do movemento da formación nacionalista. Música, poesía, política, mesturánse na homenaxe a un guerreiro a prol dos seus ideais, a un home comprometido co país e por riba de todo a unha gran persoa.

Institucional