Cuba na retina

Cuba na retina
08 de Xuño, 2020 - 12:34 h. | Publicada por Radio Fene

A Agrupación Instrutiva de Caamouco (Redes) inaugurou esta mañá unha exposición virtual de fotografías da viaxe a Cuba organizada pola entidade no pasado mes de outubro. A mostra durará todo este mes.

ESCOITA O PODCAST:

A Agrupación Instrutiva de Caamouco vólvenos levar a Cuba, agora de xeito virtual. Ás 9 desta mañá colgouse a primeira foto cunha vista panorámica de La Habana, da autoría de Ana Sánchez, iniciando así unha exposición virtual de fotografías feitas polos participantes na viaxe a Cuba organizada pola entidade de Redes no pasado mes de outubro. As imaxes poden verse en Facebook, Instagram ou Youtube durante todo este mes de xuño. Reflicten a visita a Cuba en diferentes lugares e momentos, entre eles algúns dos máis emotivos como a chegada ao Centro Galego ou ao Panteón da sociedade Naturais de Galicia no cemiterio de La Habana.

“Temos que adaptarnos á nova normalidade” afirma o presidente da Agrupación Instrutiva de Caamouco. Daniel Garcia infórmanos que, cando remate a exposición, amosarannos un vídeo resumo desa viaxe a Cuba, con novas imaxes. Obrigados a repensar toda a programación habitual, a Agrupación non ía ser menos, víronse na necesidade de suspender a sardiñada que organizaban o 4 de xullo, tampouco haberá a cita musical “Lume no Castelo” de setembro. A festa da Cabria, pola contra, non queren suspendela, así que "será unha festa enliña, diferente, pero haberá festa". O presidente tamén confirmou a realización dos campamentos de verán que organiza a entidade de Caamouco. “Mantémolos para favorecer a conciliación familiar e laboral. "Será unha edición reducida e especial porque hai que facelo con todas as garantías”. A empresa encargada de deseñar e planificar o campamento é Espazo vivo. Agardan telo todo listo en cuestión de días para abrir o prazo de inscricións. O campamento celebrarase desde o 29 de xuño e durante cinco semanas.

(Na imaxe, visita dos de Redes ao Centro Gallego, outubro 2019)

Cultura

Publica o teu comentario agora