A cultura é segurísima

Quico Cadaval afirma que actuar só facilita as cousas
28 de Setembro, 2020 - 09:40 h. | Publicada por Radio Fene

Quico Cadaval séntese afortunado no traballo. Daquí ao mes de abril ten a axenda cargada de actuacións, claro que "é máis doado para un só que para o Ballet Bolshoi de Moscú"

ESCOITA O PODCAST:

“A cultura é segurísima” afirma Quico Cadaval. “Os responsables da salas teñen unha cautela extrema, mesmo esaxerada”. O narrador galego confesa sentir mágoa de ver espazos enormes e tan pouca xente sentada. "O peor é cando os sentan de un en un a dous metros de distancia". Pero axiña saca punta á situación citando a Oscar Wilde  “O matrimonio é unha carga demasiado pesada como para levalo só dúas persoas, mellor un trío”. Recoñece Quico Cadaval que “actuar só facilita as cousas e hai menos perigo no espectáculo dun monologuista que no do Ballet Bolshoi”.

Será por iso que el ten unha axenda daquí ao mes de abril de 31 actuacións. Cadaval síntese moi afortunado co traballo: Ten varios espectáculos diferentes a un tempo  e “os técnicos saben como vai todo, eu vou de animal de compañía” bromea. Medida x medida, Tres vellas polo menos…son algúns dos títulos cos que anda agora mesmo pero xa está actualizando Complexo de Edipo para volver con ela á Coruña o dia 1. Tamén na Coruña estreará “Estrela do día” sobre as milagres de Santa María que teñen que ver co amor e onde se encontran a virxe e Venus.

Quico Cadaval volve cos clásicos españois colaborando na actualización do texto da obra “El perro del hortelano”, dirixida por Magdalena Labarga e protagonizada por Enma Lobo. Está escribindo nela – lembrando o can do crego, o equivalente en Galicia- para chegar á preestrea o 31 de outubro nun convento en Elche. A obra discurre en Nápoles. Para Quico Cadaval o humor español, inglés e galego non son da mesma familia. “O castellano é extraordinario e Cervantes ten algo de galego, polo menos os apelidos si os ten”.

Acabamos esta entrevista falando de diferencias, nesta ocasión de himnos nacionais. El ten feito un traballo de investigación incríble sobre as letras dos himnos e conclúe que o único himno que non chama a morrer pola patria nin exhorta a nada, é o galego: “De tal maneira que empeza cunha pregunta. Qué din os rumorosos?”

Agardamos por Quico Cadaval na comarca. Ten máis dunha actuación, de momento, programada en Narón, As Pontes ou Ortigueira.

 

(Na imaxe, Quico Cadaval coa máscara que leva o nome do seu último espectáculo, Medida x medida"

Cultura

Publica o teu comentario agora