A Cultura aprazada polo virus

Fene retoma os espectáculos aprazados pola pandemia en San Valentín, Maniños e Fene
15 de Setembro, 2020 - 09:10 h. | Publicada por Radio Fene

Asacocirco, David Amor e O Sonoro Maxín protagonizan o ciclo “Cultura no Camiño” de Fene. Concellería de Cultura retoma a súa programación levando ás parroquias e locais sociais actividades que foron reprogramadas por mor da pandemia.

 

Co ciclo Cultura no Camiño o Concello de Fene retoma a súa programación cultural tralo parón obrigado pola pandemia da Covid 19. E faino atendendo á máxima da “cultura segura” que garante a aplicación dos protocolos en materia de prevención da extensión da Covid definidos pola Xunta de Galicia para este tipo de espectáculos.

Tres espectáculos

Cultura no Camiño de Fene comezará este sábado, 19 de setembro, con Asacocirco e o seu Circo de Lume, espectáculo que se poderá ver a partir das 22.00 horas nas inmediacións do CPS de San Valentín, entre os bloques 11 e 12 do barrio fenés. A seguinte función terá lugar o venres 25, ás 20 horas, na Casa da Cultura de Fene e terá como protagonista ao monologuista David Amor co seu espectáculo "Love está en el aire". O ciclo concluirá cun concerto de O Sonoro Maxín, con "De navallas e cumbias" o sábado 26 de setembro ás 22 horas na ACRD O Pote de Maniños. Segundo informan dende a Concellería de Cultura, o aforo a todos os espectáculos será limitado ao obxecto de garantir as distancias de seguridade e os protocolos establecidos pola Xunta de Galicia por mor da COVID-19. Para acceder a cada un dos espectáculos haberá que reservar previamente a entrada a través da páxina web https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/gl/ Para o primeiro espectáculo –Circo de lume, de Asacocirco- habilitarase a reserva de entradas a partir de hoxe, e até completar aforo (80 persoas).

Condicións de asistencia

Para o resto dos espectáculos anunciarase previamente na web http://www.fene.gal e nas redes sociais as datas nas que se poden facer as reservas de entradas que serán gratuítas pero cada persoa só poderá reservar un máximo de dous pases, rexistrando os datos das 2 persoas que acudirán ao espectáculo. Dende a organización recoméndase acceder aos espectáculos con media hora de antelación á hora fixada para o seu comezo. Cómpre ter en conta ademais que a reserva de entradas perderá vixencia se non se está na fila de entrada 15 minutos antes do comezo dos espectáculos. A partir dese momento admitirase a entrada sen reserva, por orde de chegada e sempre que haxa aforo dispoñible. Ademais, infórmase de que, aos efectos da dar cumprimento aos protocolos de seguridade, os datos das persoas asistentes poderán ser verificados pola organización para o acceso aos recintos. En canto ás medidas hixiénico-sanitarias implantadas, lémbrase que haberá un punto de desinfección de mans no acceso aos recintos. Ademais, o uso da máscara será obrigatorio durante todos os espectáculos e non se permitirá o acceso con comida, bebida ou obxectos que poidan ser considerados perigosos pola organización. Por último, o público permanecerá sentado en cadeiras individuais durante todo o espectáculo no lugar que lle asigne a organización e realizará a entrada e saída de xeito ordenado seguindo as instrucións da organización.

Cultura no camiño é un ciclo promovido pola AGADIC co patrocinio de Gadis, Marca Galicia, Xacobeo 2021 e Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Fene.

 

(Imaxe do espectáculo Circo de Lume de Asacocirco)

Cultura

Publica o teu comentario agora