A Cultura Local de novo na rúa

A Praza Ramón Souto de Fene foi o centro de operacións
28 de Novembro, 2020 - 08:25 h. | Publicada por Radio Fene

Vestidas e vestidos de negro, branco e vermello e cunha cruz vermella nas máscaras. Desas cores pintouse a mañá do sabado a Praza Ramón Souto de Fene onde a Plataforma Cultura Ferrolterra convocou a segunda cita cultural reivindicativa.

ESCOITA O PODCAST:

Artistas de Fene e da comarca protagonizaron na mañá do sabado unha acción cultural multicisciplinar na Praza Ramón Souto de Fene para reivindicar a cultura local. Porque se merecen traballar e porque a situación a raiz da crise sanitaria veu acentuar aínda máis as dificultades que encontran para sair adiante. Música, danza, artes plásticas, un pouco de todo, concentrado nunha hora e media, entre as 12 e as 13.30h dunha mañá solleira que permitiu disfrutar aos asistentes, debidamente colocados a dous metros de distancia entre eles. A portavoz da Plataforma Cultura Ferrolterra, a actriz Helga Méndez pronunciou un discurso no que chamou a atención dos concellos da comarca e da Mancomunidade de Municipios para que non se esquenzan dun sector que é vital para a vida. Tamén pronunciou unhas palabras ao remate do acto o portavoz da Plataforma de Hostaleiros e Autónomos de Fene, Luís López, para constatar os apretos económicos polos que están pasando despois das medidas de peche decretadas pola Xunta de Galicia.

Boa parte dos artistas presentes eran de Fene; Roger de Flor e Nicolás Vidal; Eugenia Sanmartín, coordenadora do acto en Fene, co seu grupo Maina Materia; Daniel Adzemián ou a pintora Dulce Anca que coordenou a pintura do cadáver esquisito. De San Sadurniño achegouse a pintora Carolina Bouza; de Ferrol achegáronse os poetas Karloti e Ferrandez; Manolo Bacallau, Suso Basterrechea, María José Leira e un longo etcétera. O alcalde de Fene, Juventino Trigo, a tenente de alcaldía, Sandra Permui e o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, tamén asistiron ao acto.

Primeiro foi Ferrol, hoxe Fene e continuarán en próximas datas outras citas como esta no resto dos concellos da comarca de Ferrolterra. 

 

Na imaxe, Eugenia Sanmartín e Dulce Anca, coordenadoras do acto cultural de Fene)

Cultura

Publica o teu comentario agora