A Curuxa volve sorrir

Fene anunciou esta mañá a convocatoria dunha nova edición do concurso de humor gráfico “Curuxa do humor”.
01 de Marzo, 2019 - 02:00 h. | Publicada por Radio Fene

Formarán parte do Xurado o alcalde de Fene, a concelleira de Cultura, a coordenadora do Museo do Humor e tres humoristas gráficos ou expertos en humor gráfico nomeados polo Concello de Fene.

Os Premios Curuxa son o certame co que Fene busca recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos do momento (tanto galegos coma de calquera recuncho de España), amais de procurar unha maior proxección pública do Museo do Humor de Fene, un dos poucos do seu xénero que existen no noso país e no mundo enteiro. Organizado pola Concellería de Cultura e o Museo do Humor de Fene, nesta vixésimo terceira edición do certame, o/a gañador/a da Curuxa Gráfica (categoría para maiores de 25 anos) recibirá 2000 € e diploma e o gañador/a do segundo premio, 1500 € e diploma. Para a “Curuxa Nova” (categoría para persoas entre 16 e 25 anos) anúnciase un primeiro premio, dotado con 1.000 e diploma, e un segundo premio, dotado con 500 € e diploma.

Os debuxantes interesados en presentarse a esta nova edición dos Curuxas, poden enviar os seus debuxos ó Rexistro Xeral do Concello de Fene (Praza do alcalde Ramón Souto González, s/n, 15500 Fene, A Coruña) ou por calquera outra forma establecida no artigo 16.4 da Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común. Iso sí, ata o 31 de maio ás 23,59 horas. As obras, de temática libre, deben ser de creación propia e inéditas: humor gráfico nas súas modalidades de viñeta, tira ou cómic (máximo 1 páxina). Tanto as bases do certame, como a ficha de inscrición e o modelo de declaración responsable pódense descargar na web do concello de Fene (www.fene.gal)

O fallo do Xurado do XXIII Concurso “Curuxa do Humor” darase a coñecer no prazo de dous meses trala data límite de presentación dos traballos e darase a coñecer a través da páxina web www.fene.gal e dos diferentes medios de comunicación. Formarán parte do Xurado o alcalde de Fene, a concelleira de Cultura, a coordenadora do Museo do Humor e tres humoristas gráficos ou expertos en humor gráfico nomeados polo Concello de Fene.

Cultura

Publica o teu comentario agora