Curva España chega ao Xofre

A historia da curva na que se matou España.
10 de Setembro, 2020 - 10:21 h. | Publicada por Radio Fene

O Teatro Xofre reanuda a súa programación da etapa postcovid o dia 18 deste mes coa representación da última estrea do grupo de teatro Chévere, Curva España. As entradas empezarán a venderse o próximo luns.

Nos últimos anos Chévere realizou unha serie de traballos que exploraron as posibilidades do teatro-documento e a memoria colectiva como desencadenantes dunha ficción teatral. Este proxecto é un paso máis para profundar nos mecanismos narrativos que xorden na fronteira entre a realidade e a ficción, entre a historia e a lenda, entre a pantalla e o escenario. Como outras veces, parten dunha historia moi local que se foi transmitindo oralmente de xeración en xeración entre a xente da comarca de Verín (Ourense) durante os últimos cen anos.

Curva España trata sobre un crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre os seus autores, motivacións e consecuencias. A partir da existencia de distintas versións sobre o caso, articulase unha peza que ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cinema en directo, bebe do xénero policial e funciona como unha alegoría da construción do estado nación español coma se fose a promesa dun tren que nunca chegou. Porque a esta zona afastada España apenas chegou en forma de mito, e o mito fala da súa morte nunha curva.

O escenario funciona coma un plató no que se van executando, gravando e editando en directo as distintas secuencias nas que se estutura a historia. Unha historia que dá para falar da España baleirada, das consecuencias da Lei Mordaza da unidade nacional ou de como a xente constrúe narrativas alternativas á historia oficial. Pódese describir como unha obra cinescénica, un thriller documental ou unha autoficción, sen renunciar a seguir facendo que fala de nós mesmos e de como as promesas incumpridas do pasado afectan ao presente.

No elenco están, Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Lucía Estévez e Leti Branco. Será o primeiro espectáculo da temporada do Teatro Xofre de Ferrol. A representación, o dia 18 de setembro desde as 20.30 horas.

Os próximos espectáculos do Xofre serán; "Leira" de Nova Galega de Danza, o dia 26 de setembro; Tour vacanal de De Vacas o 3 de outubro e "The Primitials", de Yllana, o 10 de outubro. Aínda non están á venda as entradas. 

Cultura

Publica o teu comentario agora