De 32.000 a 12.000 explotacións leiteiras na última década, segundo o SLG

De 32.000 a 12.000 explotacións leiteiras na última década, segundo o SLG

18 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

A reivindicación dun contrato cun prezo mínimo do leite, é unha das conclusións do Congreso do sector do leite do Sindicato Labrego Galego celebrado hoxe en Ordes (A Coruña). Segundo se puxo de manifesto na cita congresual, as explotacións leiteiras pasaron de 32.000 a 12.000 na última década. "A sangría é imparable dende as 136.000 explotacións rexistradas a comezos da década dos oitenta" manifestaron os sindicali

O Sindicato Labrego Galego vén de celebrar hoxe, 18 de marzo, o seu Congreso do Leite en Ordes no que, amais de renovar responsábel e directiva para o sector, tomou a decisión de organizar mobilizacións en caso de que o Ministerio de Medio Rural teime en aprobar o Real Decreto que obrigue a asinar contratos sen un prezo mínimo de referencia que cubra os custes de produción e deixe beneficios dignos nas explotacións.

En canto aos novos cargos elixidos no SLG para coordinar a nova Dirección Nacional do Leite (elixida en asembleas previas celebradas nas zonas leiteiras de todo o país), estará coordinada de novo pola gandeira vilalbesa, Lupe Prado, que xa ocupou esta responsabilidade os últimos catro anos; e por Miguel Sánchez, de Cesuras (A Coruña) como vicerresponsábel.

O relatorio aprobado neste Congreso fixo unha análise pormenorizada da situación dun sector que, na Galiza, seguiu a sufrir unha forte sangría de explotacións ao pasar de 32.000 a 12.000 na última década (tendencia vixente dende comezos dos oitenta, cando había máis de 136.000 explotacións leiteiras na Galiza, que se reduciron a 70.000 a comezos dos noventa). A pesares da brutal reconversión do sector, as expectativas seguen a ser escuras, xa que as explotacións están a sufrir un incremento sistemático dos custes de produción (carburantes, electricidade, auga, alimentación animal, servizos ás explotacións, etcétera), combinado co decrecemento dos prezos do leite en orixe e cun endebedamento agudo debido aos fortes investimentos de mellora e á especulación coa compravenda de dereitos produtivos.

Hoxe, lonxe de buscarse solucións dende a Administración, as perspectivas son de empeoramento pola teima do Ministerio de Medio Rural en querer impoñer un contrato obrigatorio sen garantía dun prezo que cubra eses custes de produción crecentes e deixe beneficios dignos nas explotacións. Mesmo a proposta para unha nova política leiteira na Unión Europea, só busca a liberalización absoluta do sector para deixalo, enteiramente, en mans dunhas poucas multinacionais da industria e da distribución que xa o dominan: eliminación das cotas en 2015, eliminación de toda regulación dos mercados, negociación de prezos en mans dos grupos de presión e dos especuladores e recorte das axudas.

Diante desta situación, o Congreso do SLG fixou unha táboa reivindicativa que rexerá o traballo da Dirección do Leite nos vindeiros catro anos:

Para os mercados:

Control da produción a nivel europeo que axuste a produción ó consumo.

Regulación dos mercados que evite a “lei da selva” que só beneficia aos máis poderosos e que cheguen a regular toda a cadea de valor.

Establecementos de prezos mínimos que cubran os custes de produción e o traballo e que se negocien entre as partes con mediación e arbitraxe da Administración.

Establecemento de mesas institucionalizadas onde se leven a cabo estas negociacións.

Oposición ás propostas de introducir máis especulación no sector: mercado de futuros, etcétera.

Para as axudas.

Mantemento das axudas ás explotacións vinculadas á actividade e ao traballo familiar.

Converter o Contrato de Explotación Sustentable (CES) en axudas que primen a orientación das actividade das explotacións cara a xeitos de producir máis sustentables de xeito real, e non en algo xustificado con papeis e que á maioría das explotación non serve.

Para as explotacións.

Iniciar un traballo mediante o Banco de Terras e outras iniciativas que se poidan poñer en marcha de cara a dotar as explotacións de base territorial suficiente, que permita dar un xiro aos xeitos produtivos dominantes e que teña como fin que as explotacións que o desexen poidan producir elas mesmas o alimento do seu gando.

Aplicación de políticas anovadoras que permitan incrementar a renda das explotacións sen aumentar, ou incluso diminuíndo, a súa produción.

Establecemento de axudas económicas e técnicas para aquelas explotacións que se decidan a poñer en marcha proxectos de venda directa das súas producións nos mercados locais.

Sociedade