Debate electoral

As cinco candidaturas de Fene participan nun debate público organizado por Radio Fene
16 de Maio, 2019 - 11:23 h. | Publicada por Radio Fene

Os candidatos e candidatas disporán de turno de réplica e ao final, do minuto de ouro. O debate celébrase o martes 21 ás 20h no salón de plenos da Casa do Concello de Fene.

debate2015

Radio Fene celebrará un debate coas cinco candidaturas que concurren ás eleccións municipais de Fene. O acto celebrarase o martes 21 de maio, ás oito da tarde no salón de plenos da Casa do Concello de Fene. Será aberto ao público e retransmitido en directo por Radio Fene- no 107.7 da FM- e a través de Internet- www.radiofusion.eu- Participarán Mari Carmen Martínez (EU), Xoan Manuel Rodríguez Bastida (CxG), Juventino Trigo (BNG), Mar Piñeiro (PsdG-PSOE) e Gumersindo Galego (PP). Moderará o director de Radio Fene, Henrique Sanfiz.

Esta maña celebrouse unha xuntanza entre o director de Radio Fene e representantes de todas as candidaturas para acordar os temas centrais do debate, os tempos do mesmo e a orde de intervención dos candidatos e candidatas, este último decidido por sorteo. As áreas temáticas susceptibles de debate serán:

1. Fomento do emprego.

2. Servizos Sociais, Educación e Cultura.

3. Plan Xeral de Ordenamento Municipal. Política de vivenda, Auga e saneamento. Vivenda.

4. Promoción turística,Deporte, Movemento Asociativo, participación cidadá.

5. Posibles alianzas despois das eleccións. Os candidatos e candidatas disporán de turno de réplica e ao final, do minuto de ouro.

(Na imaxe o debate organizado por Radio Fene o 13 de maio de 2015 na Casa da Cultura de Fene)

Sociedade

Publica o teu comentario agora