Debut galego de Tender Forever no Torrente Ballester

Debut galego de Tender Forever no Torrente Ballester

19 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Cun concerto da cantautora francesa Melanie Valera, Ferrol estréase este venres como extensión do prestixioso Festival Sinsal, un certame que ten a súa sede en Vigo e outras dúas extensións na Coruña e Santiago.

O Festival Sinsal é un encontro de músicas contemporáneas que naceu hai sete anos coa idea de trasladar este tipo de músicas a determinados espazos –como museos ou teatros clásicos- nos que, ata entón, non tiñan cabida. Segundo explicou a Radiofusión o director do certame, Julio Gómez, o “Sinsal” naceu en Vigo pero logo foise extendendo a outras cidades “nun intento de buscar alternativas e optimizar os recursos do festival”.

A última das cidades en incorporarse ao circuito do Festival Sinsal é Ferrol onde mañá está previsto que actúe Tender Forever. Tras deste nome agóchase a cantautora francesa Melanie Valera, xoven artista afincada en Portlan “que reivindica a sinxeleza tras a sorpresa dos seus primeiros discos”. Tender Forever estreouse en 2005 co álbum titulado “The soft and the hardcore”.

O venres actúa na Capela do Centro Cultural Torrente Ballester a partir das dez da noite. As entradas custan 5 euros.

Sociedade