Debuxo, cesteiría, manualidades, bolillos, ...

Debuxo, cesteiría, manualidades, bolillos, ...

25 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Un total de 168 veciños e veciñas dos sete municipios da comarca de Ordes (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo) participan na IV Mostra dos Obradoiros Culturais da Comarca de Ordes, organizada pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. Unha exposición que foi inaugurada na noite de onte no centro cívico de Cerceda e que poderá visitarse ata o vindeiro 31 de maio.

Unha mostra que recolle os traballos dun total de 15 escolas municipais e asociacións veciñais da comarca ordense, cinco máis ca na pasada edición. Na mostra pódense contemplar traballos de debuxo, pintura, cesteiría, manualidades, encaixe de bolillos, coiro e mesmo restauración de mobles. Uns traballos realizados ao longo deste ano polos veciños e veciñas de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo.

O presidente da Mancomunidade de Ordes, Miguel Prado Patiño, amosouse “moi orgulloso desta mostra e do traballo que facedes todos vós, pois estas pezas son froito do voso esforzo diario ao longo de todo este ano”. Así mesmo, felicitou ao Concello de Cerceda polo seu traballo na organización desta exposición e pola mediación do seu alcalde, José García Liñares, diante da Deputación Provincial pois “grazas ás subvencións da Deputación puidemos organizar eventos como esta mostra ou como a pasada gala do deporte”.

Miguel Prado estivo acompañado neste acto polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira; polo segundo tenente de alcalde de Trazo, José Liste; pola concelleira de Cultura de Mesía, Pilar Sánchez; e polo primeiro tenente de alcalde de Cerceda, Edelio Rodríguez Dubra, quen excusou a presenza do alcalde José García Liñares. Todos eles fixeron entrega dun agasallo aos centos de veciños e veciñas que asistiron á inauguración desta mostra cos seus traballos. O acto pechouse cunha actuación do cuarteto de música clásica “Presto Vivace”.

Entidades veciñais participantes

Entre os participantes nesta IV Mostra de Obradoiros Culturais da Comarca de Ordes figuran quince escolas municipais e asociacións veciñais da comarca ordense, cinco máis ca na edición de 2009. Oroso é o municipio que máis asociacións aporta a esta mosta (cun total de cinco entidades) seguido por Ordes (con 3 entidades). Así, nesta IV Mostra de Obradoiros Culturais da Comarca de Ordes participarán:

-    obradoiro municipal de debuxo e pintura, escultura e manualidades do Concello de Cerceda
-    obradoiro de manualidades de Frades
-    escola municipal de manualidades do Concello de Mesía
-    Unidade Galega de Veciños e Mulleres rurais de Santa Cruz de Montaos (Ordes)
-    Asociación de Amas de casa de Ordes
-    Obradoiro municipal de debuxo e pintura de Ordes
-    Obradoiro de Bolillos de Oroso
-    Obradoiro municipal de debuxo e pintura de Oroso
-    Obradoiro municipal de bixutería do Concello de Oroso
-    AAVV Pena do Tesouro de Trasmonte (Oroso)
-    Asociación de Mulleres “A Ponderosa” (Tordoia)
-    Asociación de Mulleres “Pedralonga” (Tordoia)
-    Asociación de Mulleres de Trazo
-    AAVV “A Carballeira” de Chaián (Trazo)

A IV Mostra de Obradoiros Culturais da Comarca de Ordes poderá visitarse ata o 31 de maio no centro cívico de Cerceda en horario de luns a venres, de 9:30 a 13:00 horas e de 15:00 a 20:00 horas; e o sábado 29 de maioo, de 10:00 a 13:00 horas e de 15:00 a 20:00 horas. Esta exposición está organizada pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes e conta co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña.

Sociedade