Decepcionado con Murguía

Decepcionado con Murguía
31 de Maio, 2023 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

“Honrar honra”, dicía o poeta cubano José Martí. Cítao Modesto Fraga na súa introdución do libro 'Ramón Marcote. Obra en prosa.Volume 1', segunda entrega da biblioteca da fisterranía. Ramón Marcote, natural do Sardiñeiro en Fisterra, un bo e xeneroso que dende o outro lado do Atlántico contribuíu á escribir un dourado capítulo da historia de Galicia. O clube de lectura de Radiofusión trasládase a Radio Neria e ao hotel Bela Fisterra, o primeiro hotel literario de Galicia. Aquí podes escoitar a conversa de Modesto Fraga con Pepe Formoso, Antonio Tizón e Henrique Sanfíz.

ESCOITA O PODCAST:

Entre outros moitos aspectos do traballo de Marcote, Modesto Fraga refírese á súa relación con Manuel Murguía, co cal o fisterrán se sentiu decepcionado. “Marcote cumpriu un papel fundamental na posterior fundación da Real Academia da Coruña. Eles mandaban diñeiro para a Academia. De feito, hai varios artigos de Marcote nos que se lamenta e se sinte decepcionado pola postura de Murguía. Eles foron os que financiaron a Historia de Galicia de Murguía. Na Habana tamén se publicou Follas Novas de Rosalía. Os emigrantes como Ramón Marcote estaban doídos con Murguía porque non entendían como, de súpeto, a Academia era a máxima opositora da tese do Colón galego só porque houbo un intelectual pontevedrés, Celso García de la Riega, defensor deses postulados, con quen si Murguía tiña polémicas anteriores”, afirma o autor de 'Ramón Marcote. Obra en prosa. Volume 1' no clube de lectura de Radiofusión. Modesto Fraga agarda que as investigacións sobre o ADN poidan certificar de xeito científico que Cristobal Colón naceu en Poio.



Na imaxe, Henrique Sanfíz, Pepe Formoso, Modesto Fraga e Antonio Tizón no hotel Bela Fisterra.

Cultura

Publica o teu comentario agora