Decrétase unha tregua no conflito entre Leite Río e o SLG pola recollida do leite

Decrétase unha tregua no conflito entre Leite Río e o SLG pola recollida do leite

26 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O conflito entre os gandeiros lucenses e Leite Río terá unha tregua, a tenor do establecido onte en rolda de prensa polo Sindicato Labrego Galego, que anunciou o suspenso provisional das accións de bloqueo da recollida á empresa de Láncara. A orixe deste “alto o fogo” está na vontade de negociación do sindicato ante a ameaza de suspenso das rutas por parte da empresa de Jesús Lence.

Carme Freire Cruces, Secretaria Xeral do SLG; Lupe Prado, gandeira e Responsable do Sector Leiteiro no SLG; e Adolfo Cabarcos, Responsable de Sectores Gandeiros no SLG; declararon onte que a organización agraria considera que Lence “xa entendeu a mensaxe que lle enviamos os gandeiros esta fin de semana: discutir o prezo do noso traballo non é un problema individual, senón colectivo”. Este é o motivo aducido para o parón nas accións de presión á firma láctea, sempre e cando, segundo o SLG, “se garanta a recollida de todo o leite e baixo un prezo que nos permita vivir”.

 

Por outro lado, solicitaron ao goberno da Xunta unha maior acción para buscar solucións á crise do sector, e consideraron unha “auténtica irresponsabilidade” que “estean agochados” diante desta situación. Por isto, desde o sindicato labrego anunciaron unha mobilización para mañá, ás 12 horas, diante da Consellería do Medio Rural.

Reunión co Presidente do Consello Agrícola Europeo

A Secretaria de Organización do SLG, Lidia Senra, formou parte dunha delegación da Coordenadora Europea Via Campesina que onte se reuniu co Presidente do Consello Agrícola Europeo, o Ministro de Agricultura checo, Sebesta Jacob.

Na reunión se lle transmitiu ao Presidente a situación de crise e de mobilizacións nas que se atopa o sector lácteo a nivel europeo, así como as propostas da Coordenadora Europea Vía Campesina para saír da mesma.

Un dos prantexamentos foi a necesidade de que da reunión do Consello Agrícola saian acordos claros sobre a necesidade de garantir un prezo que cubra os custes. Para isto pediron a reconsideración dos acordos de novembro sobre liberalización do mercado do leite, eliminando xa o un por cento anual da cota, reducir a produción global europea ate equiparala ao consumo e redistribuír a produción entre produtores da UE, mantendo o control público da produción.

Sociedade