Decreto antivirus

Decreto antivirus
13 de Marzo, 2020 - 01:41 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene pon en marcha unha batería de medidas para previr e conter a expansión do coronavirus. Entran en vigor ás 14h de hoxe, dia 13 de marzo.

O Concello de Fene vén de facer público o decreto de alcaldía no que se concretan as medidas que a administración municipal está a poñer en marcha para tentar frear a expansión do coronavirus. O peche de instalacións deportivas e culturais municipais a partir das 14 horas deste venres 13 de marzo , a suspensión das escolas e actividades municipais, a suspensión de competicións que impliquen a asistencia de público ou as limitacións de aforo, son algunhas das accións impulsadas polo Goberno Municipal. Tamén se recomenda que as asociacións e entidades de Fene “apliquen criterios análogos aos establecidos nesta resolución” e suxírese á veciñanza que tente reducir as xestións presenciais en dependencias municipais. As medidas serán de aplicación nos vindeiros 14 días e poderán prorrogarse segundo evolucione a situación.

Perante a expansión da pandemia provocada polo virus COVID-19 (coronavirus) e, tendo en conta que “corresponde á administración municipal adoptar as medidas preventivas aconselladas polos expertos en saúde pública”, o Concello de Fene acordou suspender as actividades das escolas deportivas e culturais municipais dirixidas á veciñanza, así como as análogas promovidas polas áreas de servizos sociais e formación-emprego, a partir das 14.00 horas deste venres 13 de marzo. Na resolución de alcaldía que asina o primeiro rexedor fenés, Juventino Trigo, tamén se anuncia o peche ao público das instalacións deportivas e culturais municipais -Casa da Cultura, incluíndo Ximnasio, Biblioteca Municipal, Museo do Humor e Aula de Estudo; Parque de Educación Viaria; Pavillóns do Ramo e A Xunqueira; Piscina Municipal de Centieiras; Campos de fútbol dos Pinares e Maniños; Aula Municipal de Informática e Aula de Cursos da Área de Cultura e Locais de Ensaio- a partir 14:00 h do venres 13 de marzo.

Outra das medidas que se adoptan é a “suspensión daquelas competicións/actividades deportivas municipais e competicións oficiais que impliquen a asistencia de público”, aclarando que “naqueles casos excepcionais nos que non sexa posible suspendelas ou adialas, estas competicións/actividades terán lugar a porta pechada”. Tamén se anuncia a aplicación de novas limitacións de aforo en recintos pechados con capacidade para máis de 50 persoas, limitándose a partir de agora a asistencia a un terzo do aforo. No caso de espazos abertos, o límite máximo de aforo pasa a ser de 500 persoas. Estas limitacións “tamén serán de aplicación nas cerimonias matrimoniais que teñan lugar en dependencias municipais”.

En canto á veciñanza, no decreto recoméndase a asociacións e entidades de Fene que apliquen criterios análogos aos establecidos nesta resolución e eviten aglomeracións mentres se manteñan as restricións de asistencia a espectáculos. Tamén se suxire á veciñanza que tente reducir as xestións presenciais nas dependencias municipais aos casos de urxencia e que procure realizar os trámites e xestións por vía telemática a través da sede electrónica, https://sede.fene.gal/ ou telefónica, utilizando os teléfonos 981 340 366 (habilitado a estes efectos mentres duren estas medidas) e 981 492 707 e o correo electrónico catic@fene.gal. As medidas recollidas no Decreto de Alcaldía serán de aplicación nos vindeiros 14 días e poderán prorrogarse e/ou revisarse en función de como evolucione a situación.

Por último, faise un chamamento á veciñanza á “disciplina social no seguimento das recomendacións e instrucións emanadas das autoridades de saúde pública para evitar a propagación do virus así como á súa capacidade de autoorganización, solidariedade, cooperación interpersoal/veciñal para procurar medidas colaborativas que axuden a facer fronte ás situacións de illamento, coidado de menores/maiores/persoas dependentes que poidan xurdir”.

Institucional

Publica o teu comentario agora