Degustación de carne de poldro e magosto

Degustación de carne de poldro e magosto
06 de Novembro, 2019 - 12:24 h. | Publicada por Radio Fene

A Asociación Veciñal de Magalofes anuncia a súa degustación de carne de poldro e magosto para o próximo sábado 9 de novembro, ás nove da noite no seu local social. A festa cumpre trinta anos. Repartiranse cento setenta quilogramos de dous poldros cociñados á grella ou estofados. Para a sobremesa asaranse castañas e todo regado con viño.

ESCOITA O PODCAST:
Festa do Cabalo de Magalofes. 2010

A carne de poldro posúe numerosas virtudes nutricionais ademais de ser saborosa e versátil, acaída para moitas receitas. As castañas gozan de boa prensa pero van caras este ano, a uns tres euros o quilogramo. Son castañas do Caurel.

Para rematar a festa actuará en directo o cantante cubano afincado en Ferrol, Rolán. Os socios e colaboradores terán a degustación de balde. Os demais deben pagar 5 euros.

Por que deberías comer carne de poldro?

- Ten un altísimo contido en zinc, que facilita a asimilación e o almacenamento da insulina. Este mineral, ademais, é beneficioso para o sistema inmunitario e a cicatrización de feridas e axuda a metabolizar as proteínas.
- Contén grandes cantidades de ferro de fácil absorción, de maneira que é ideal para as persoas que teñen anemia ou tendencia a padecela.
- Ten poucas graxas e calorías, polo que se converte nun alimento perfecto para quen está a dieta. De feito o seu aporte de ambas sustancias é similar ao das carnes de ave e ten, ademais, un potente efecto saciante.
-  Pero hai que comer sempre con control. Os nutricionistas recomendan non comer carnes vermellas máis dunha vez á semana.

Sociedade

Publica o teu comentario agora