Denuncian colapsos graves nas urxencias do Meixoeiro

Denuncian colapsos graves nas urxencias do Meixoeiro

21 de Agosto, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

O servixo de Urxencias do Hospital Meixoeiro de Vigo padece un "grave e repetido colapso", segundo asegura a deputada do BNG Ana Luisa Bouza. A parlamentaria reclama que a Consellería de Sanidade utilice a menor actividade estival para reducir as esperas cirurxicas, de probas e de consultas.

A deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG) Ana Luisa Bouza acusou á Xunta de realizar un "peche masivo" de camas hospitalarias, e mesmo de centros completos, durante o mes de agosto de 2011 pola decisión de non substituír ao persoal sanitario durante as vacacións. Denunciouno nunha iniciativa parlamentaria rexistrada na Cámara galega, na que criticou que é o terceiro verán de xestión sanitaria do Partido Popular no que ten lugar "un novo peche masivo de camas hospitalarias". Un feito que relacionou coa política de "falsa austeridade" da Xunta e a "total ineficacia" de "recortar gastos de persoal".

Segundo apuntou, este verán, ademais, producíronse "peches de centros completos", o que supón "aprazar incluso a actividade cirúrxica programada" xunto co "repetido colapso das urxencias". Neste sentido, denunciou, entre outros, "casos de colapso grave" no hospital Meixoeiro en Vigo, en Ourense co peche do centro de Toén ou mesmo na Coruña, co peche do centro hospitalario Abente e Lago.

Todos eles, sinalou a deputada nacionalista, son resultado da "falta de profesionais" e o consecuente peche de camas que impide facer ingresos e liberar urxencias. Ante estas cuestións, o BNG instou ao Goberno galego a "utilizar a menor actividade" estival para "facer un esforzo de utilización das infraestruturas" e "reducir a espera", tanto cirúrxica como de probas e consultas que "padecen milleiros de pacientes en Galicia".

Sociedade