A Deputación achega 340.000 euros para sufragar parte da mellora do abastecemento de auga de Begonte

A Deputación achega 340.000 euros para sufragar parte da mellora do abastecemento de auga de Begonte

25 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O abastecemento de auga de Begonte depende de que a Xunta de Galicia cumpra co seu compromiso de cofinanciar o cambio das canalizacións dos núcleos de Baamonde e do propio Begonte, xa que os 340.000 euros que o executivo autonómico esixía ao Concello para levar adiante esta obra de 670.000, serán sufragados pola Deputación de Lugo. O presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro anunciou hoxe esta axuda nunha visita á vila

En total, a Deputación destina a este fin 334.000 euros, que corresponden á primeira fase deste proxecto municipal, que xa fóra presentado á Xunta e para o que se lle demandaba o compromiso á Casa Consistorial de sufragar a metade do total do mesmo, que ascende a 670.000 euros.

Cambio das canalizacións ao longo da N-VI entre Begonte e Baamonde
O proxecto incluiría todo o cambio das canalizacións a ambos lados da estrada Nacional VI, que une os grupos urbanos de Begonte e Baamonde, xa que a rede de abastecemento de auga atópase actualmente moi deteriorada, debido á mala calidade dos materiais con que fora construída, en concreto con fibra de cemento.

Así, nalgunhas zonas do municipio a presión da auga era moi baixa, por debaixo dos 6 quilos que marcan o mínimo para un correcto funcionamento da traída. Nalgunhas zonas altas como a parroquia de Silvosa non hai a presión da auga suficiente para poder funcionar algúns electrodomésticos ou mesmo a auga quente, debido a que un aumento da presión rebentaría as cañarías.
 
Así, tal e como indicou Besteiro, “a deputación cumpriu co prometido e aforra este custe ó Concello ó tempo que dota ós veciños deste municipio dunha infraestrutura moi demandada”. O responsable provincial non minimizou o problema, ao que cualificou de “gravísimo, porque a todos os inconvintes hai que engadir as continuas avarías que se producen nas tubaxes, o que obriga ó Concello a pagar máis de 50.000 euros anuais en arranxos”.

No referido á posta en marcha deste proxecto, Gómez Besteiro esixiu ó Executivo galego “que cumpra como o fixo a Deputación. Todas as administracións estamos a pasar un momento difícil e todos estamos a desenvolver plans de austeridade, pero hai algúns que parece que a súas competencias non van con eles. Isto vai a provocar que comecemos a preguntar quen está o fronte do goberno de todos os galegos”.

Pola súa banda, o Alcalde agradeceu a celeridade do organismo provincial para poñer en marcha esta iniciativa “porque foi pedirllo ó Presidente e inmediatamente resolveu o problema. Agora ten que cumprir a Xunta, e queremos que o faga xa porque a Deputación xa puxo a súa parte”.

Sociedade