A Deputación invirte 50 millóns de euros nos concellos da Terra Chá

A Deputación invirte 50 millóns de euros nos concellos da Terra Chá

20 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro e o vicepresidente primeiro, Antón Bao veñen de facer un balance do que foron os tres primeiros anos de goberno provincial.
No que atinxe á comarca da Terra Chá destacou o esforzo inversor por parte do organismo provincial que se deixou ver principalmente nas infraestruturas e no sector agrogandeiro.

 

Un dos retos que dende a Deputación teñen previstos antes da conclusión do mandato afecta ó concello de Castro de Rei. Consiste na creación dun centro de recría de gando na Granxa Gayoso de Castro Riberas de Lea, un proxecto que vai contribuír a fixar a poboación e frear o saldo demográfico negativo. Está considerado como o proxecto estrela do organismo provincial e nel vanse invertir preto de 12 millóns de euros. A importancia deste reto reside no aforro de custos para os gandeiros, xa que moitos deles tiñan que mandar as súas novillas a recriar a Zaragoza.

Sen saír da localidade de Castro de Rei cabe destacar o esforzo inversor que se realizou no eido das infraestruturas, tanto neste concello coma no de Guitiriz, cun investimento que suma 3.350.000 euros.

O resto de concellos da comarca tamén se viron beneficiados ó longo destes anos. Dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública contratáronse obras por valor de 4.844.036 euros que actuaron en Xermade, Vilalba,Guitiriz, Begonte, A Pastoriza, Rábade, Ribeira de Piquín ou Riotorto.

Os investimentos da Deputación lucense deixáronse ver tamén nos seguintes plans: Plan de Obras e Servizos, desbroce e conservación da rede viaria provincial e Plans de Comunidades Veciñais e de Pequenas Infraestruturas para Concellos de menosd e 5.000 habitantes. O organismo provincial tamén adquiriu material para o parque de bombeiros de Vilalba e está a crear solo industrial en sete municipios chairegos.

 

 Valoración positiva do período de goberno

 Os representantes da Deputación amosáronse satisfeitos coa lexislatura xa que segundo Gómez Besteiro “a Deputación cumpriu o 98% do programa de goberno. Dos 11 puntos que se marcaron en xullo do 2007, dez deles están feitos”.

Ademáis do proxecto estrela de Castro de Rei, a Deputación ten previstos outros que pasan polas accións mancomunadas cos Concellos, a consolidación da Administración electrónica ou a captación de novos fondos europeos. Malia todo, a prioridade vai ser a cooperación e asistencia ós Concellos que na actualidade lles aforra ós municipios preto de 78 millóns de euros.

O vicepresidente primeiro, Antón Bao, avanzou as iniciativas que se van desenvolver na actividade cultural e deportiva. Lugo contará co primeiro módulo de pista de atletismo cuberta e no que a cultura se refire, a potenciación do teatro afeccionado lucense vai ser unha das principais preocupacións. Bao subliñou a importancia de que “formamos un equipo com xogadores diferentes, pero cun proxecto común que fomos cumprindo”.
 

Sociedade