A desaparición do pequeno accionariado galego fai a R “un pouco británica”

A desaparición do pequeno accionariado galego fai a R “un pouco británica”

14 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

“R é un pouco diferente” dicía un dos primeiros lemas publicitarios da compañía de telecomunicacións galega. Hoxe é verdadeiramente distinta a como era onte, dende que a Comisión Nacional do Mercado de Valores confirmou que Caixanova, a principal propietaria, xunto cun grupo de pequenos accionistas, se desprenderon do 35 por cento da compañía. Fondos asesorados pola firma de capital risco CVC Capital Partners, con sede en Londres, ob

R ten dous propietarios: Caixanova, que mantén o 65 por cento dos títulos, e CVC, que obtivo o 35 por cento restante grazas a que todos os socios minoritarios se desfixeron da súa participación. Nunha única operación saíron do accionariado de R as entidades Unión Fenosa, Banco Pastor, Gadisa, Estrella Galicia, Jealsa Rianxeira, Ceferino Nogueira, Dielectro Galicia, Ferroplast, Invertaresa, Faro de Vigo, El Correo Gallego, La Región, El Progreso, El Ideal Gallego, Emalcsa, Grupo Ceta e Olsines. Todas estas marcas xuntas posuían máis do 33 por cento da operadora de servizos de internet, telefonía e televisión. Outro 1,24 por cento foi vendido por Caixanova, a un prezo de 32,28 euros por título. A contía total da operación ascendeu a máis de 236 millóns de euros.

O prezo de venda das accións manterase se o fondo británico de capital risco decide facer efectiva a opción de compra ofrecida por Caixanova sobre outro 35 por cento de participación da que a caixa do sur é propietaria: esa opción sobre case 5 millóns de títulos pódese exercer nun prazo de tres anos e permitiría ao novo inversor obter o control maioritario de R, cun 70 por cento do capital.

Tanto CVC como Caixanova afirman que os cambios no consello de administración non afectarán á “galeguidade” da operadora. Os dous socios afirman que o compromiso demostrarase mantendo a sede de R na cidade da Coruña e respectando os cargos da cúpula directiva na que Honorato López Isla exerce de presidente; Julio Fernández Gayoso é o vicepresidente; e Arturo Dopico detenta o posto de conselleiro delegado. A empresa conta na actualidade con 1.700 empregados.

Sociedade