Detidos 4 axentes da policía en Lugo, acusados de colaborar coa rede Carioca

Detidos 4 axentes da policía en Lugo, acusados de colaborar coa rede Carioca

26 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A xuiza Pilar de Lara Cifuentes ordenou a detención de 4 policias nacionais en Lugo baixo a acusación de protexer aos proxenetas dunha rede de clubes de alterne. A imputación podería incluir cohecho e omisión do deber de perseguir o delito.

Catro axentes da Policía Nacional de Lugo foron detidos este luns pola súa presunta implicación na 'Operación Carioca' que puxo en marcha o xulgado de instrución número 1 de Lugo para determinar presuntos delitos vinculados coa prostitución. Segundo informaron fontes da investigación, as detencións practicáronas funcionarios de asuntos internos da Garda Civil de Madrid.

Tres dos axentes foron detidos ás 8.00 horas, mentres que o cuarto foi arrestado pola tarde, despois de ser localizado no municipio de Quiroga, onde se atopaba de vacacións. Ao longo do día están a ser interrogados, antes de pasar a disposición xudicial.

Esta operación púxose en marcha o 16 de outubro de 2009, cando un amplo dispositivo policial entrou en 4 clubs de alterne de Lugo e enseguida comezou todo un rosario de detencións.

Actualmente, á marxe de encargados e responsables de prostíbulos, tamén se atopa en prisión, entre outros, un cabo da Garda Civil e un inspector da Policía Local de Lugo. Ademais, ante a xuíza declararon como imputados varios cargos da Garda Civil, así como o anterior subdelegado do Goberno e funcionarios de estranxeiría.

Sociedade