Detidos o alcalde de Castro de Rei e tres dos seus concelleiros por tráfico de influencias

Detidos o alcalde de Castro de Rei e tres dos seus concelleiros por tráfico de influencias

26 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O alcalde de Castro de Rei, Juan José Díaz Valiño, foi detido hoxe xunto con tres concelleiros do goberno municipal, os socialistas Ana Canto e Antonio Beado e Roberto Lorenzo, pertencente a Terra Galega. O xulgado número 3 de Lugo, a cargo da xuíza Estela San José Asensio, foi o que emitiu a orde de detención do edil castreño e dos seus compañeiros de goberno.

Aínda non transcenderon oficialmente as causas que motivaron a intervención xudicial, pero parece que será imputados por delitos de prevaricación e tráfico de influencias. Este xulgado lucense é o encargado de investigar os procesos de tráfico de influencias relacionados coas supostas irregularidades na tramitación de expedientes sancionadores na xefatura provincial de Tráfico de Lugo

 

 

Desde primeira hora da mañá produciuse un minucioso rexistro dos documentos que se atopaban no interior da casa consistorial do municipio chairego e se estenderon ata primeira hora da tarde. Foi contra as 14.00 horas cando se deu por finalizada a intervención. Valiño, Canto, Beado e Lorenzo foron trasladados ao xulgado número tres de Lugo onde terán que prestar declaración ante a xuíza.

 

Sorpresa no PP de Castro

 

Desde o partido na oposición no concello amosáronse “sorprendidos” polas detencións, xa que nunca viron ningunha irregularidade nas contas do Concello. “No PP de Castro de Rei estamos moi sorprendidos porque nunca vimos ningunha cousa irregular, e nós somos os primeiros en ver e vixiar que isto suceda, porque somos a oposición e somos os que vixiamos  a fiscalización do Concello. Debemos esperar que a xustiza faga o seu traballo e pase un pouco o tempo e se informe mais polo miúdo do que pasou”, estableceu Roberto Balado, representante do PP en Castro.

 

O propio concelleiro popular admitiu que descoñecía o tipo de prevaricación que se lle imputa aos detidos, “porque nós non temos novas de que houbese problemas coa adxudicación de obras, con concesións de obras ilegais ou con contratación irregular de persoal, senón nós seriamos os primeiros en denuncialo, porque é o noso traballo como oposición”. O que descartou foi que a imputación tivese  que ver “coa trama da tramitación das multas de Lugo, non entendemos cómo se pode establecer unha relación con Castro de Rei”.

 

 

 

Intervención en Cospeito

 

A intervención xudicial continuou na casa do concello limítrofe de Cospeito, onde se procedeu a incautar documentación relativa á contratación de persoal sen que se producisen detencións.

Sociedade