Detidos os alcaldes de Cee, Fisterra e Mazaricos acusados de prevaricación

Detidos os alcaldes de Cee, Fisterra e Mazaricos acusados de prevaricación

31 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

Os alcaldes de Cee, Fisterra e Mazaricos foron detidos esa mañá xunto a dous concelleiros e tres industriais da comarca por axentes da Unidade de Delitos Económicos e Fiscais, que interviron os tres concellos, informaron fontes da Policía Nacional. Os oito detidos están acusados de delitos de tráfico de influencias, prevaricación, suborno e falsificación documental. O dispositivo policial, denominado «Operación

Tres son os solistas máis relevantes da “Operación Orquestra” desenvolvida pola Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal da Xefatura Superior de Policía de Galicia, con sede na Coruña. Un deles é o alcalde de Cee, o independente Ramón Ramiro Vigo, que goberna en coalición co Partido Socialista. Outro dos rexedores arrestados é o de Mazaricos, José Manuel Santos Maneiro, do Partido Popular, formación na que tamén milita José Manuel Traba Fernández, primeiro edil de Fisterra, localidade á que pertencen dous concelleiros tamén detidos polas forzas de seguridade. Os axentes custodiaron durante toda a mañá o acceso aos pazos municipais, en cuxo interior estiveron requisando documentación, supostamente co acompañamento dos propios alcaldes, aos que retiveron durante horas no interior dos edificios. No caso do rexedor ceense, Ramón Vigo, sábese que a Policía tamén practicou rexistros no seu domicilio familiar e no seu vehículo.

A Operación Orquestra apóiase en supostos delitos contra a Administración pública, como tráfico de influencias, prevaricación e suborno, así como de falsificación en documento, e nos que terían incorrido os tres alcaldes. O Xulgado de Instrución número 2 de Corcubión é o que está a dirixir a investigación.

Ademais dos cargos públicos, foron arrestados tres industriais da comarca da Costa da Morte. Dous deles son o dono da empresa construtora D. Ogando e o seu fillo. Durante toda a mañá un furgón policial custodiou a sede do negocio familiar localizado na parroquia de Senande, no concello de Muxía. Segundo os veciños da zona, Ogando é unha das construtoras máis coñecidas na comarca da Costa da Morte e gardaría relación con obras públicas encargadas polos concellos veciños. Así as cousas, unha das primeiras hipóteses que se manexan sinala ao feito de que dende os gobernos locais implicados na operación se lle terían adxudicado contratos de obra a esta empresa en condicións irregulares.

A investigación sobre esta suposta trama de corrupción urbanística, comandada polo xuíz Andrés Lago Louro, vénse desenvolvendo dende hai máis dun ano e aínda continúa aberta, polo que non se desbotan máis detencións. Polo de agora, a Xustiza decretou o segredo de sumario.

Sociedade