Dezaoito petiscos de mar

Poderanse probar ata dezaoito tapas de mar que ofrecen trece establecementos
11 de Outubro, 2018 - 01:17 h. | Publicada por Radio Fene

Os establecementos participantes estarán perfectamente identificados con dous distintivos: unha alfombra vermella á entrada e un adhesivo coa imaxe corporativa do certame.

Fene convertirase a partir deste venres nun auténtico Mar de Tapas. O Concello e a Asociación de Comercio e Hostalería O Cruceiro organizan este certame co que se busca incentivar a cultura do tapeo, revalorizar os produtos autóctonos e de proximidade e promocionar o sector. Celebrarase dende este venres ó domingo e do 19 ó 21 de outubro.

Experimentar.

Esa foi a máxima que guiou ós cociñeiros e cociñeiras dos trece establecementos hostaleiros de Fene que, ofrecen as súas máis innovadoras creacións culinarias no marco de Fene, un Mar de Tapas. O evento foi presentado polo alcalde, Gumersindo Galego; o concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco; o presidente da Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos O Cruceiro, Juan Manuel Ramos Reigosa, e o coordinador do certame, Manel Pan. Xunto a eles, unha nutrida representación dos establecementos participantes no concurso, que se inclúe no programa Fene Vivo Ven a Fene.

Segundo explicou Juan José Franco, o público poderá degustar auténticas delicatessen ao prezo único de 1,5 euros grazas a este certame, co que se busca incentivar a cultura do tapeo no municipio, revalorizar os produtos autóctonos e de proximidade, nomeadamente peixes e mariscos da ría e promocionar o sector hostaleiro tanto no concello como no resto da comarca. O certame celebrase do 12 ó 14 de outubro e do 19 ó 21 do mesmo mes, aínda que á vista das tapas o alcalde xa augurou que será necesario reeditalo máis cedo que tarde. Venres e sábados as tapas serviranse en horario de 13 a 15 horas e de 20,30 a 22,30 horas, namentras que os domingos será tan só na quenda de

mediodía.

Listado dos locais participantes e as súas propostas culinarias:

Arrecendo –Petisco da ría- Asociación Veciñal de Magalofes por partida dobre –con Tosta de lacón en salsa de cogomelos e mexillóns Magalofes- Café Bar A Ponte –Fol de Mar- Café Pachamama –Tronco de terra, mar e aire- Cafetería Bombay –Chipirón en salsa- Cafetería Lembranza –Tosta de outono- Cafetería Xala –Pastel frío de marisco- Cervexería Friends por partida triple –Dim sum de liscos, Regaña albanesa e Mar de fondo- D3 –Vieira con ceviche- Gastrobar Bicos –Bicos galegos- Jesy Bar por partida doble –Atascaburras e Chipiróns- O Lar de Kike –Chipirón envolto en bacon- O Son da Cociña por partida doble –A nosa tosta e Porco de mare-.

O público poderá votar polas súas tapas preferidas e, aqueles que completen a ruta por todos os establecementos participantes, entrarán no sorteo dun bono para dúas persoas con almorzo campestre incluído nas Cabanas da Serra de Outes. Así mesmo, un xurado profisional tamén realizará a súa particular ronda para valorar as propostas culinarias. O Concello de Fene, avanzou o edil de área, habilita tamén en paralelo ó concurso a APP Quedamosdetapas, onde ofrecerá toda a información sobre o certame. Pola súa banda, Juan Ramos destacou o apoio do Concello á hostalería e lembrou que os establecementos participantes estarán perfectamente identificados. Dous son os distintivos: unha alfombra vermella á entrada e un adhesivo coa imaxe corporativa do certame. Así mesmo, mostrou a súa confianza na consolidación do evento.

Sociedade

Publica o teu comentario agora