Diario dunha primavera en pandemia

Diario dunha primavera en pandemia
15 de Outubro, 2020 - 11:14 h. | Publicada por Radio Fene

María López Sández e Miguel Muñiz publicaron hai ben pouco “Illados. Diario dunha pandemia” un libro que mistura a fotorreportaxe con ensaios, dando lugar a unha viaxe polos últimos meses das nosas vidas.

ESCOITA O PODCAST:

Hai imaxes que quedan para sempre na memoria da xente, como a de Aylan ou Omayra. Esta primavera deu lugar a moitas fotografías que conteñen esa carga simbólica capaz de perdurar nas nosas mentes. Segundo indica López, a idea de Muñiz era inicialmente algo distinta, facendo un percorrido máis cronolóxico e periodístico. Ela, ao ser allea ás fotos, decatouse de que encaixaban moi ben agrupadas por emocións e esta foi a distribución que rematou por ter o libro.

López e Muñiz xa traballaran xuntos con anterioridade, cando o fotógrafo realizou unha exposición e pediulle á escritora un texto para acompañar as imaxes. Durante a pandemia, Miguel chamou a María para lle propor este traballo, xa que el tiña a oportunidade de facer este seguimento fotográfico. Ela non dubidou en descolgar o teléfono e chamar a Galaxia, que deu o visto bo ao proxecto.

María López fala de Miguel Muñiz como un fotógrafo cunha ollada especial e plenamente artística, o cal vese reflexado en moitas das imaxes de “Illados. Diario dunha pandemia” que agochan significados moi potentes. Escritora e fotógrafo non se xuntaron ata que o libro estivo rematado, momento no que compartiron opinións. Para María, o capítulo que fala dos camioneiros é un dos máis persoais, xa que ambos teñen vínculos familiares con este sector e foi precisamente isto o que lle permitiu a Miguel Muñiz acceder a Vegalsa e realizar a serie fotográfica que vemos no libro.

Imaxes e textos que non teñen perda e que nos fan revivir os últimos meses das nosas vidas, obrigándonos tamén a repensar o noso presente.

Cultura

Publica o teu comentario agora