Dombate e Borneiro

Dous destinos na Costa da Morte
09 de Setembro, 2020 - 01:37 h. | Publicada por Radio Fene

Cercanos entre eles, tanto o dolmen como o castro son obxectos turísticos para tempos de pandemia.

É sabido que a actual crise sanitaria levóu á xente a reencontrarse coa natureza e co patrimonio ancorado nela. As camiñatas e visitas de carácter cultural, as dúas a un tempo, ocupan o tempo de lecer da xente reconvertindo os paquetes turísticos ao uso en satisfactorios modos de “perder o tempo”. Lugares como o dolmen de Dombate ou o Castro de Borneiro volven ser destinos turísticos de cercanía para os galegos e galegas ou para foráneos que buscaron o norde peninsular como sitios seguros. As dúas xoias da nosa historia máis remota ubícanse en Cabana de Bergantiños (A Coruña) moi preto un do outro.

Dolmen de Dombate

O monumento megalítico, cantado por Eduardo Pondal, agardou ata os anos 80 do século XX para asomar á superficie despois da excavación levada a cabo no lugar. En realidade estamos diante de dous túmulos superpostos, cunha cámara poligonal con sete pedras verticais de gran tamaño, que se abre ao exterior a través dun corredor de tres treitos, orientado ao leste. Tanto na cámara como no corredor do máis grande hai hai importantes restos de gravados e pinturas. O máis pequeño conta cunha cámara de nove pedras. O conxunto pertenece á Deputación da Coruña desde 1975.

Estamos diante dunha das iconas do Rexurdimento, o movemento cultural que no século XIX revitalizou os mitos e a historia de Galicia. O Dolmen de Domate, catalogado como tumba colectiva, está considerado como a “catedral do megalitismo” en Galicia. O túmulo datouse na primeira metade do IV milenio antes de Cristo e a cámara a finais dese mesmo milenio. Utilizouse en diferentes épocas, entre 3800 a.C. e o 2700 a.C. cando se deixou se usar. O historiador Manuel Murguía xa se referiu a el no século XIX. O poeta Eduardo Pondal inmortalizouno no poema “Queixumes dos pinos”.

O dolmen protexeuse cun edificio de madeira e cristal que axuda a unha mellor visualización do monumento e permite conter un centro de interpretación para a mellor comprensión do megalitismo na Costa da Morte.

Castro de Borneiro

Tamén chamado a Cidá ou A Cibdá, está moi preto do dolmen de Dombate. Estamos diante dunha excavación moi ampla, cos muros e valados e as vivendas dos que o habitaron hai 2000 anos. Descubrírono hai un século pero a excavación non se producíu ata os anos 30 do século XX. Descubriuno no ano 1924 Isidro Parga Pondal. O recinto mide 90 por 56 metros e conta cun foxo e muros. Polo leste a defensa natural é unha pronunciada ladeira. Non hai signos de ter sido romanizado. Desde o castro, situado a unha altura de 200 metros, divisamos a desembocadura do Anllóns e a Ría de Corme e Laxe. A maioría das vivendas teñen forma circular e uns 5 metros de diámetro. Ademáis das vivendas, aparecen restos doutras zonas do pobo onde se realizaban tarefas comúns. Fora dos muros ten un espazo adicado a sauna con dúas fontes, un forno circular para a fundición de metais e unha gran casa ovalada. Dise que foi o primeiro castro galego no que se utilizou o carbono 14 para determinar a súa antiguidade, grazas ao que se puido constatar que estivo habitado entre os séculos IV e I a.C. Moitos dos materiais atopados no castro de Borneiro atópanse na actualidade no Museo Arqueolóxico de Castelo de Santo Antón na Coruña. Os materiais atopados nas excavacións son ferramentas de pedra (muíños de man, pedras de afiar e adornos persoais), cerámicas e restos metálicos en bronce e ferro.

 Ata finais de ano abre as fins de semana e festivos, de 11.00 a 18.00. Fora deste horario pode verse únicamente desde o exterior do edificio, a través dos vidros. A visita é guiada e gratuita. O Castro de Borneiro permanece aberto as 24 horas. Todos os anos o 24 de xullo celébrase nel o “Castro animado” con teatro, música, baila, xogos, artesanía e gastronomía.

Ademáis de destacar estes importantes xacementos arqueológicos, existen variadas e abundantes mostras de pegadas arqueolóxicas esparcidas por todo o concello de Cabana de Bergantiños. Entre elas destacan grandes concentracions de mámoas en A Piolla (Nantón), en Borneiro e en A Eirita.

Cultura

Publica o teu comentario agora