Dous ameneiros e unha árbore de Xúpiter

Escolares de Fene prantaron árbores en Sillobre e no río Cádavo para celebrar o Día da Árbore
27 de Marzo, 2019 - 01:05 h. | Publicada por Radio Fene

O venres rematan as prantacións que empezaron o luns pasado, organizadas pola concellería de Ensino de Fene, para festexar o Día da Árbore ou dos Bosques que en Galiza se fixou o 21 de marzo.

So faltou cantar o himno á árbore porque o demais fixérono moi ben. Dous ameneiros quedaron prantados a ambas marxes do rio Cádavo entre a avenida de Tarrío e a rúa da Fraga, en Fene. Os centros escolares de Centieiras e Jorge Juan de Perlío, ubicados nas proximidades, foron os protagonistas este mediodía da celebración municipal do Día da Árbore. Dúas horas antes, o alumnado da escola de Sillobre prantou unha árbore de Xúpiter na parque das cercanías da escola.

Baixo a atenta mirada da concelleira de Ensino, Ana Novo, e do alcalde de Fene, Gumersindo Galego, o alumnado dos primeiros cursos dos colexios Centieiras e Jorge Juan de Perlío apostáronse nas dúas marxes do rio Cádavo e prantaron dous ameneiros, as especies máis acaídas para esta paraxe. Guiados un polo xardiñeiro municipal e outros por unha alumna do obradoiro de xardinería, participaron en todas as fases da prantación. Axudaron a facer o burato, despois aprenderon a desprender a árbore da maceta na que enraizou, prantárona na terra e finalmente regárona. Todos os nenos e as nenas fixeron algo destas tarefas, un pouquiño, pero todos quixeron meter man ou pa, que algún trouxo a súa pa da praia para meter baza.

A actividade repetirase o próximo venres 29 e nesa ocasión os encargados da última prantación serán os alumnos e alumnas do CPI A Xunqueira. Eles verán de perto un que prantarán nas inmediacións do centro escolar, así como un magnolio de flor branca.

Institucional

Publica o teu comentario agora