As editoriais galegas apostan pola “concentración parcelaria”

As editoriais galegas apostan pola “concentración parcelaria”

25 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

“Un acontecemento novidoso no crecente minifundio do panorama editorial galego”. Deste xeito definen os seus impulsores a colección literaria Módicos, posta en marcha de xeito conxunto por catro editoras do país. Rinoceronte, Urco, Positivas e 2.0 son as empresas que suman forzas nunha iniciativa que, aseguran, carece de precedentes na comunidade.

Os Módicos comparten deseño común e un prezo único de 9,90 euros e a súa comercialización realizarase exclusivamente a través de internet, na web toupa.net. “En época de crise era importante sacar unha colección asequible para todos os petos”, explicou en Radiofusiòn Tomás González, de Urco.

A conxuntura económica non é a única que preocupa aos editores. “Baixa o número de galegofalantes e as cifras de lectores son pequenas”, analiza González, quen avoga pola colaboración como arma de futuro. “Ante esta situación toda a industria cultura debería unirse”, argumenta.

Os primeiros títulos que aporta Urco serán Sleepy hollow e outros contos (Washington Irving), Relatos de terror sobrenatural (Robert. E. Howard), Tres contos estraños (H.P. Lovecraft e outros autores) e A praga escarlata (Jack London). Pola súa banda, Rinoceronte inaugura a colección con O condutor de autobús que quería ser Deus (Etgar Keret), Unha soidade demasiado ruidosa (Bohumil Hrabal), O xiro postal (Ousmane Sembène) e A casa das belas adormentadas (Yasunari Kawabata). En poucas semanas sumaranse a obras de 2.0 e Positivas.

Cultura