Elas abriron camiño

Elas abriron camiño
07 de Marzo, 2024 - 04:19 h. | Publicada por Radio Fene

“Mulleres inventoras e pioneiras” hainas e hóuboas, destacou en Radio Fene o especialista en contidos dixitais Iago Varela. Tamén a elas se debe o actual desenvolvemento tecnolóxico, por máis que quedaran invisibilizadas. Polas súas fundamentais achegas, é de xustiza que os seus nomes pasen á Historia da revolución das tecnoloxías.

ESCOITA O PODCAST:

Unha muller do século XIX, Ada Lovelace é a nai da programación. Hedy Lamarr foi tan intelixente como fermosa. Actriz de cine. A ela débense inventos que permitiron as comunicacións sen fíos. Son so dous exemplos dun plantel de mulleres que contribuíron decisivamente á revolución tecnolóxica. E nesa lista hai tamén unha ferrolá, a mestra Ángela Ruiz Robles. “Tivo unha idea moi brillante, desenvolveu o primeiro libro electrónico, ela chamáballe a enciclopedia mecánica”

Da historia ao presente. Na primeira liña están a traballar outras mulleres galegas Mar Capeáns, Olimpia Valencia, Inmaculada Paz Andrade ou Begoña Vila. Coñecer os nomes e por en valor o seu traballo é un paso moi importante para que nenas e mozas non desboten a posibilidade de optar pola formación científica, a enxeñería ou as matemáticas. Tense avanzado moito nos últimos anos, pero no sector das tecnoloxías segue habendo problemas para as mulleres. “Fenda salarial, falta de representación nos postos directivos e estereotipos que asocian estas profesións co xénero masculino”. Iago Varela aposta por rachar eses obstáculos “partindo da educación en igualdade, cómpre traballar para fomentar a educación das nenas nas ciencias, tecnoloxías e matemáticas e na visibilización de mulleres referentes”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora