As embarcacións tradicionais atracan en Barallobre

As embarcacións tradicionais atracan en Barallobre

19 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O historiador Bernardo Maiz inaugurará a exposición de fotografías de embarcacións tradicionais na Ría de Ferrol  na Liga de Amigos de Barallobre. O acto terá lugar o sábado 27 de marzo, ás cinco da tarde. A mostra poderase visitar ata  10 de abril  en horario de 11 da mañá a 2 do mediodía e todas as tardes, agás os xoves, de catro a oito.

No acto de clausura da mostra, o 10 de abril, intervirá a directora da revista Papeis Artabros, Rosa Méndez. Falará do patrimonio monumental de Ferrol e comarca. A continuación tocaralle o turno ao biólogo da confraría de Barallobre, Juan Luis Ferreiro quen analizará a situación actual e o futuro da ría. Bernardo Maíz encargarase de por o broche final afondando no patrimonio marítimo en Ferrol e comarca. Un dos membros da directiva da Liga de Amigos de Barallobre, Andrés Cabana, explicou en Radiofusión que queren concienciar á poboación do estado no que se atopa actualmente a nosa ría.  

A  Liga de Amigos tamén organiza unha viaxe á localidade oscense de Jaca  e a Lourdes en Francia. Unha excursión de catro días do 22 ao 25 de abril. No primeiro visitarase, no pórtico dos Pirineos, a cidade de Jaca. Ao día seguinte chegada a Lourdes para coñecer o seu renomado santuario, a gruta , as fontes e a igrexa de Santa Bernardette. Zaragoza será o punto de destino no terceiro día de viaxe. Na rota turística inclúense os rincóns e  monumentos máis emblemáticos da capital aragonesa: o mosteiro de pedra ou a Basílica do Pilar entroutros. A viaxe remátase na localidade natal do pintor Francisco de Goya, Fuentedetodos.  

Os prezos son de 205 euros para os socios e de 225 para os non socios.  As persoas interesadas poden anotarse na cafetería do local social e os xoves na oficina da sociedade e 5 a 8 da tarde ate o 31 de marzo. 

Sociedade