A emigración a través do obxectivo de Fernández Ackermann

A emigración a través do obxectivo de Fernández Ackermann

30 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Baixo o título “Latinoamérica portas abertas I“ o fotógrafo venezolano Federico Fernández Ackermann amosa unha escolma fotográfica que se abre o vindeiro luns no Ateneo de Ferrol. Unha exposición organizada pola Federación Galega de Asociacións de Emigrantes Retornados co apoio de Confederación Intersindical Galega-Migración.

Premio Nacional de Fotografía en Venezuela en 1995, Fernández Ackermann é un dos máis importantes fotógrafos de Latinoamérica. Esta mostra é un avanzo do próximo catálogo recopilatorio da súa obra que coa axuda da Deputación da Coruña e o Departamento de Migración da CIG a Federación Galega de Asociacións de Emigrantes Retornados  quere editar o vindeiro ano 2010 para acompañar a exposición itinerante por toda Galiza.

A súa obra está presente nas principais coleccións particulares e públicas europeas e estadounidenses. O seu traballo está incluído no principal catálogo de fotografía latinoamericana do mundo da especialista suíza Erika Billeter, que abrangue aos 116 principais fotógrafos do continente, editado no Estado español.

A exposición das instántaneas de Federico Fernández Ackermann pódese visitar dende o luns 2 ata o 15 de novembro no Ateneo ferrolán.    

Cultura