Emilio Balado: “O colexio Centieiras é o mellor do mundo”

Emilio Balado: “O colexio Centieiras é o mellor do mundo”

17 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Cumpriu os sesenta e cinco e o mesmo día despediuse do centro no que levaba traballando os últimos 28 anos. Recén xubilado, o profesor Emilio Balado fai balance dos anos que pasou no Colexio Centieiras de Perlío, un centro no que foi mestre, director, xefe de estudos e ata conserxe. Asegura que a súa foi unha xubilación planificada e que xa ten proxectos en mente para ocupar o seu tempo de agora en diante porque o importante, segundo él, “é vivir

Aínda que a súa traxectoria laboral comezou no estaleiro de Ferrol, un 3 de outubro de 1960, non foi ata 1976 que Emilio Balado iniciou a súa carreira dentro do mundo do ensino. Unha vez aprobadas as oposicións, primeiro pasou tres anos no colexio Santiago Apóstol de Franza e outros dous destinado en Zas para acabar, finalmente, no colexio Centieiras de Perlío.

Mestre por vocación, Emilio Balado destaca das súas clases o humor e as bromas que sempre empregou para achegarse aos alumnos e alumnas. Recoñece tamén que foi bastante berrón con eles, “coma un can que ladra pero que non traba”.

A piques de iniciar unha nova etapa na súa vida, Balado non ten máis que eloxios para Centieiras. Asegura que “foi sempre un centro pioneiro” e que os seu alumnos e alumnas se poden considerar “privilexiados” por poder estudar nun colexio con tan boas instalación e recursos.

De agora en diante, e retomando un vello proxecto que no seu día argallara con Daniel Romero, Emilio Balado adicará o seu tempo a escribir un libro sobre as festas de Fene. Segundo explicou a Radiofusión, ten pensado abordar o tema dende distintas perspectivas (a gastronomía, os convidados, a roupa, os palcos, as comisións…) e abarcando o período histórico dende a posguerra ate a actualidade.

Sociedade