Emir Kusturica e a Fanfare Ciocarlia encabezan o cartel do Festival Reperkusión 09

Emir Kusturica e a Fanfare Ciocarlia encabezan o cartel do Festival Reperkusión 09

06 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

A sétima edición do Festival Reperkusión celebrarase no Complexo de Vilanova, en Allariz, os 18 e 19 de setembro. Xa está pechado o cartel e na primeira xornada festiva poderemos gozar de Emir Kusturika & The No Smoking Orchestra, Festicultores Troupe e Bodega Bodega. Xa o sábado 19 será a quenda de Fanfare Ciocarlía, GigoElectro Brass, A Tuna Rastafari e Funky St

Nesta sétima edición chega un grande das artes: o internacionalmente coñecido Emir Kusturica e a súa banda The No Smoking Orchestra. O cineasta, actor e músico serbio transportará ás beiras do Arnoia os ritmos e ambientes de películas coma Underground, Gato negro, gato blanco ou El tiempo de los gitanos.

Esa mesma noite, a banda balcánica estará acompañada polos madrileños Bodega Bodega e os galegos Festicultores Troupe.

Os de Conxo veñen de presentar o seu novo espectáculo, EGFA, co que xa actuaron na fin de xira de Manu Chao e Radiobemba en Francia e co que gañaron o premio do público no Festival Internacional Haizetara de Amorebieta no País Vasco.

Tamén os madrileños volven despois de facer vibrar as táboas do escenario na pasada edición, ademais de triunfar coa súa “verbena sound” en Francia e por toda a península. Para esta noite aínda quedan, polo menos, dous artistas por confirmar.

E o sábado continúa a festa balcánica coa Fanfare Ciocărlia, os romaneses, que xa fixeron vibrar os asistentes de Reperkusión hai tres anos e que son considerados coma un dos mellores concertos que pasaron polo festival. Despois de triunfar por toda Europa con El tiempo de los gitanos e o seu espectáculo Queens & Kings, aos gañadores dos World Music Awards únenselles a GigoElectro Brass, unha banda formada pola Gigoletto Brass (ventos de Muchachito Bombo Infierno, entre outros), Manelillo (percusionista de La Kinki Beat) e Ale Acosta (mesturador e produtor que traballou con Enrique Morente, Chambao ou Mojo Project entre outros).

E tamén estará a revelación dos festivais galegos, A Tuna Rastafari.

Tamén esta noite garda aínda sorpresas e grandes nomes por confirmar.

Xa están á venda os bonos para os concertos e para o cámping.

*Os prezos non inclúen os gastos de xestión.

Bono 2 días:

- 22,50 euros ata o 10 de agosto con tarxeta NetClub

- 30 euros ata o 10 de agosto

- 26,25 euros con tarxeta NetClub ata o 17 de setembro

- 35 euros dende o 11 de agosto ata o 17 de setembro

- 40 euros en despacho

Entrada 1 día:

- 15 euros ata o 17 de setembro con tarxeta NetClub

- 20 euros ata o 17 de setembro

- 25 en despacho

Cámping:

- 6 euros

Os billetes distribúense en www.caixagalicia.es e no 902 43 44 43.

Cultura