As emocións non se xestionan coa comida

As emocións non se xestionan coa comida
27 de Abril, 2020 - 11:20 h. | Publicada por Radio Fene

A nutricionista e dietista Lorena Díaz agarda que, cando abra a súa consulta en Ferrol, os seus pacientes lle digan: quero aprender. Porque ela é positiva e agarda desta pandemia e deste confinamento unha aprendizaxe importante, volver facer pan en casa, e guisos e deporte. Con ela falamos dos bos e dos malos hábitos adquiridos neste encerro, a propósito da comida.

ESCOITA O PODCAST:

“Non paramos de picar” afirma a nutricionista e dietista Lorena Díaz, para significar que o confinamento que padecemos a causa da pandemia desata moitas emocións que tratamos de calmar coa comida. Estamos comendo de máis e iso conleva, non só o aumento de peso, tamén problemas de saúde a longo prazo. A alimentación debe ser preventiva, non sempre a solución a problemas de saúde xa xenerados. Que volva haber fariña e formento nas casas pode ser positivo ou negativo, afirma Lorena Díaz. Se é para facer doces todos os días, malo, pero “se iso significa que volvemos ás cociñas para reencontrarnos cos pratos de antes e comer lento, paréceme estupendo” engade a nutricionista. Afirma Lorena que estaría ben empregado o confinamento se valese para volver ás materias primas, aos alimentos de verdade, elaborados por nós mesmos.

Preguntamos polo picoteo entre horas. Lorena responde que “Se pico moito, deixo de comer cando se debe. Ao final non sabes o que comiches, nin as calorías da inxesta nin as cantidades”. Lorena pon especial atención nos nenos e nenas porque durante o confinamento teñen as emocións a flor de pel. “Se ese cóctel de emocións o calmamos con comida, logo vai ser difícil dicir non” explica.

Lorena Díaz declara ser unha persoa moi positiva, por iso agarda que esta experiencia nos sirva de aprendizaxe e saiamos reforzados. “É bo momento para aprender”, sentencia.  Sospeita que cando volva á consulta atoparase con pacientes que colleron peso, pero non descarta a outra parte, a que volveu a reencontrase coa boa alimentación outra vez e digan “quero aprender”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora