Empoderar ás mulleres

O grupo será guiado por unha psicoterapeuta familiar, con formación en Igualdade e Educación Emocional,
04 de Outubro, 2019 - 01:27 h. | Publicada por Radio Fene

O proxecto INDIRA procura facilitar un espazo para mulleres a través de encontros semanais, no que abordar diferentes temas e actividades relacionados co desenvolvemento persoal e saúde en todas as súas dimensións.

A Concellería de Igualdade do Concello de Fene, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, pon en marcha un novo espazo para mulleres enmarcado dentro do denominado Proxecto INDIRA, xa desenvolvido nos anos 2018 e verán de 2019. Esta actividade está cofinanciada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020. Trátase dun espazo onde as mulleres poden experimentar, coñecerse, crecer xuntas, relaxarse e gozar. Preténdese facilitar un espazo para mulleres a través de encontros semanais, no que abordar diferentes temas e actividades relacionados co desenvolvemento persoal e saúde en todas as súas dimensións.
Traballarase para promover o autocoñecemento e o autocoidado, desenvolver a consciencia corporal, conectar as vivencias, fortalecer a consciencia como persoas de dereito e respecto, empoderar as dimensións da persoa: mental, física e emocional, aumentar a sensación de comprensión, apoio e coidado e poñer en práctica ferramentas que permitan unha mellor xestión das emocións.

O grupo será guiado por unha psicoterapeuta familiar, con formación en Igualdade, Educación Emocional, Técnicas de Relaxación e Atención Plena, Traballo Corporal, Autocoñecemento, Sexualidade e Relacións Sociais en Terapia do Reencontro, con ampla experiencia no traballo con grupos de mulleres e cun estilo profesional próximo nas relacións persoais. A coordinación do Proxecto INDIRA está a cargo da Psicóloga Municipal, responsable técnica do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade do Concello de Fene.

No proxecto poden participar as mulleres de Fene e bisbarra, maiores de idade, con ganas de crecer emocionalmente, de compartir e de crear espazos de “SORORIDADE” (solidaridade entre mulleres), de empoderarse, de coñecerse e coidarse tanto mental, física como emocionalmente. A actividade comezará cunha primeira sesión informativa e de presentación o día 6 de novembro de 2019 ás 10:30 hno Centro Municipal de Servizos Sociais. O programa desenvolverase os mércores en horario de mañá, en sesións de 2 horas de duración, de 10:30 h a 12:30 h (podería modificarse segundo preferencia e dispoñibilidade do grupo que se forme). Nesta primeira reunión explicarase máis detalladamente a dinámica da actividade, os temas a tratar e a traballar e conformarase o grupo ou grupos, dependendo do número de mulleres participantes. As mulleres interesadas poden anotarse no Servizo Municipal de Atención á Muller ben persoalmente, por teléfono ou por correo electrónico:

Av. do Mar Bloque 1, baixo – San Valentín
981342607 // 981792706
smam@fene.gal

Sociedade

Publica o teu comentario agora