Empoderar ás mulleres diante da maternidade

Carabel Saúde trata todo o relacionado co chan pélvico
06 de Outubro, 2020 - 09:43 h. | Publicada por Radio Fene

O método Naces busca empoderar ás mulleres á hora de afrontar a maternidade. Son técnicas para despertar unha conciencia positiva en todo o relacionado co embarazo e co parto, segundo explican a educadora física Sonia Rodriguez e a matrona Ana Luces.

ESCOITA O PODCAST:

Carabel Saúde, na Avenida do Mar, 16, de San Valentín ( Fene) naceu como unha clínica de fisioterapia do chan pélvico. Desde hai un tempo tamén aborda un ámbito da saúde do que carecía a zona, a preparación do parto e atención ao posparto, tanto física como psicoloxicamente. Recoñecen que o Sergas si ten clases de preparación do parto pero son matinais e non todas as mulleres poden acudir nese horario. A educadora física Sonia Rodríguez apunta que o chan pélvico existe en ambos sexos e que o seu coidado é importante en homes e mulleres. Explica que se trata dun conxunto de músculos e ligamentos que pechan a parte inferior da cavidade abdominal, soportando os órganos que están cerca da pelve. No caso das mulleres, a vaxina, vexiga ou recto, e no dos homes, a uretra, vexiga e recto. “É importante que o chan pélvico estea ben tonificado, explica Sonia, para evitar patoloxías como a incontinencia urinaria, as dores lumbares ou disfuncións sexuais”

A outra liña da clínica pasa pola preparación maternal que empeza con catro charlas e continúa coa preparación física, tanto do parto como do posparto. Diso encárganse a matrona Ana Luces e tamén Sara Iglesias. Na primeira abórdanse os coñecementos básicos sobre o parto e o bebé. Na segunda as posturas para facilitar o parto e aliviar a dor. Despois trátase a lactancia materna e a artificial. Por último Sara Iglesias fala dos coidados do chan pélvico durante o embarazo. Todo o proceso de preparación do parto fáise en pequenos grupos de tres mulleres, debido ao protocolo da Covid19. Trabállase con diferentes exercicios que permitan ter a mellor condición física para afrontar o embarazo, reducindo o cansancio ou diferentes dores. “Hai que desmontar a imaxe da maternidade ideal. Hai que afrontala dándolles recursos ás mulleres” afirma Ana Luces.

Na clínica Carabel Saúde aplican o método Naces para axudar ás mulleres a empoderarse durante o embarazo, a tomar conciencia do seu corpo, aprender a comunicarse co bebé e, en fin, darlles seguridade e confianza para afrontar o parto da mellor maneira posible. Tras o parto é fundamental a recuperación do chan pélvico. Aquí entra en escena Sara Iglesias para valorar a situación. E despois chegan as clases posparto, “de novo en grupos de tres pero personalizamos os exercicios” afirma Sonia Rodríguez. Nesta fase as mulleres expresan como se senten co bebé, as dúbidas sobre a crianza, pero tamén se procede á súa recuperación física.

O traballo en grupo, temporalmente reducido, é importante como punto de reunión, de intercambio de experiencias ou para resolver dúbidas e inquedanzas. A clínica Carabel Saúde atende tamén individualmente calquera problema que se presente durante o embarazo: Dores de costas, ciáticas, dor nas relacións sexuais, ... As consultas están abertas a calquera persoa que acuda á clínica puntualmente. 

Sociedade

Publica o teu comentario agora