En Londres "os de fora" somos nós

En Londres "os de fora" somos nós
14 de Novembro, 2019 - 10:26 h. | Publicada por Radio Fene

“Patti Smith é todo un referente porque segue sendo creadora e denunciando inxustizas, paréceme unha das persoas máis admirabeis en todo o que fai” afirma a escritora Anna R.Figueiredo, autora de “Os bicos feridos”,libro galardonado coa primeira edición do Premio Viadutos de Novela, organizado polo Concello de Redondela e a editorial Galaxia. A escritora fala dos sentimentos dos mozos e mozas galegos que se ven forzados a emigrar: “a experiencia serve para averiguar cómo se pode sentir unha persoa que se aventura a deixar familia e súa terra para buscar vida fora”. “Un migrante non é automaticamente unha boa persoa, pero tampouco mala. É un máis”

ESCOITA O PODCAST:
Anna R.Figueiredo, autora de Os bicos feridos

O xurado do Premio Viadutos salientou a orixinalidade dos temas tratados na novela, a depuración de seu estilo "poderoso e por veces lírico", "a utilización da ironía e a personalidade das voces" e tamén a complexidade da trama. "Os bicos feridos" narra a historia dunha moza emigrante en Londres. Nela vanse debullando temas como a importancia das redes sociais, as relacións familiares e a maternidade, a soidade nas grandes cidades ou o medo á morte. En torno aos Bicos feridos falamos no club de lectura de Radio Fene Radiofusion. Esther Val, Andrés C.M Riveira e Henrique Sanfiz conversaron coa escritora.

A moza Olivia  tras formarse academicamente con brillantez ten que emigrar a Londres. Figueiredo retrata na novela "Os bicos feridos" unha personaxe de fondura psicolóxica. O argumento une varios fios: as migracións contemporáneas, a soidade nunha gran cidade como Londres ou a irrupción das redes sociais nas nosas vidas.

Cultura

Publica o teu comentario agora